Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG Ensino pide que “as revisións médicas do profesorado se realicen na Mariña e non haxa que desprazarse a Lugo”

A CIG Ensino demanda que as revisións médicas do profesorado, dereito que ata agora non tiñan, se poidan facer na Mariña. A secretaria na Mariña do sindicato, Dores Fernández Abel, alerta que “a situación actual é totalmente discriminatoria para todo o profesorado da Mariña que terá que desprazarse obrigatoriamente a Lugo para exercer un dereito tan básico como son os recoñecementos médicos anuais e a vixiancia da saúde de toda persoa traballadora”.

Hai que recordar, di Dores, que desde o ano 2008 a CIG-Ensino veu loitando e solicitando da Consellaría de Educación que se recoñeceran as revisións médicas anuais ao profesorado. Perante a negativa de Educación, en maio de 2012 a CIG-Ensino interpuxo unha demanda perante a Sala Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) obtendo unha sentenza favorábel que obrigaba á Consellaría a “ofrecer ao seu persoal funcionario e laboral docente no presente ano 2012 e sucesivos a posibilidade de realizar os recoñecementos médicos”. Despois disto, a Consellaría foi retrasando a execución de sentenza ata que finalmente este curso fará o recoñecemento médico do profesorado aínda que a fará a través dunha empresa privada e non a través do Servizo Galego de Saúde (SERGAS), o que suporía un aforro de máis de 800.000 euros co que se comete un despilfarro de diñeiro público de todos os galegos e galegas.

Para a CIG, está claro que a privatización das revisións é un dos motivos polos que haxa que desprazarse a Lugo e danos a razón cando denunciamos no seu momento que non se fixera a través do Sergas. “É incomprensible que non se fixeran as revisións no Hospital da Costa cando sería menos custoso tanto para a administración como para o profesorado” afirma Dores Fernández Abel e continúa: “esta situación só beneficia á empresa privada pois haberá menos persoal que faga as revisións por culpa do desprazamento e da perda de tempo e de diñeiro”

Desde a CIG imos a demandar da Consellaría que as revisións médicas poidan facerse na comarca da Mariña porque isto suporá que máis profesorado realice as revisións médicas, fundamental para previr posibles enfermidades e repercutir na mellora da súa saúde. O contrario sería afondar na discriminación cos docentes da Mariña fronte aos das cidades.

Ribadeo, a 4 de setembro de 2014

Dores Fernández Abel
Secretaria da CIG-Ensino na Mariña

Exit mobile version