Site icon Crónica3.com A Mariña

A Comisión Focega en Defensa da Sanidade Pública alcanza a súa concentración número 100

A Comisión Focega en Defensa da Sanidade Pública celebra o sábado día 4 de outubro ás 12da mañá a súa concentración número 100 na rúa Juan Montes, esquina Avenida da Mariña.

Con este motivo renderá unha homenaxe símbólica ao pobo de Foz, na persoa de dous asistentes asíduos ás concentracións, como recoñecemento da súa constancia e determinación na loita por unha sanidade pública de calidade e do conseguido como produto dese esforzo colectivo.

Centrada nunha primeira fase na reivindicación dun servizo de urxencias as 24 horas no centro de saúde, a Comisión estivo tamén atenta á situación dos restantes servizos sanitarios públicos no noso concello, denunciando os recortes de servizos e de persoal que se produciron nos últimos tempos .

Actualmente, e sen deixar de lado a reclamación das urxencias, a Comisión centra o seu traballo na defensa da sanidade pública frente aos recortes e privatizacións impulsadas desde os gobernos central e autonómico, que van camiño de convertir o que é un servizo público fundamental nun negocio para a grande empresa privada.

A Comisión participa tamén nas mobilizacións comarcais en defensa do hospital da costa, reclamando xunto cos nosos conveciños da Mariña o mantemento de todo o seu persoal e servizos e a súa ampliación, evitando así a derivación cada vez máis frecuente de pacientes a centros públicos e privados da capital da provincia.

Considerámonos unha pequena parte do auténtico protagonista de todas as conquistas en materia de sanidade pública no noso concello , que non é outro que o pobo de Foz ,que tras moitos anos de exercicio democrático dos seus dereitos en numerosas mobilizacións cidadáns , que xa forman parte imborrable da historia do noso concello , conseguiu importantes reivindicacións :a consulta de pediatría , as urxencias no turno de tarde no centro de saúde e a implantación dos servizos de fisioterapia e odontoloxía , sen esquecer que a presión veciñal foi decisiva para a creación do novo centro .

Sen caer en localismos, é dificil atopar un movemento cidadán comparable en duración e participación á loita dos veciños de Foz por unha sanidade pública de calidade .

Para nos , esta experiencia demostra que a mobilización é unha ferramenta útil e necesaria cando os poderes públicos que deberían defender os intereses das maiorías sociais se poñen ao servizo de intereses particulares minoritarios .

“Co alento das nosas veciñas e veciños, comprometémonos a seguir adiante, aportando o noso grao de area a este esfozo colectivo”, concluíu o portavoz, Atilano Fernández.

Exit mobile version