Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación acada un novo aforro de 80.000 euros coa contratación conxunta de gasóleo e gasolina

xunta-gobernoA Deputación acada un novo aforro de 80.000 euros de gastos correntes ó ano coa contratación conxunta de gasóleo e gasolina para as máquinas do Parque Móbil que melloran estradas provinciais e municipais.

A Xunta de Goberno aprobou este venres iniciar o proceso de contratación, nun mesmo prego, de 250.000 litros de gasóleo e 32.000 litros de gasolina para este ano e o vindeiro. O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, salientou que “con isto conseguimos unha redución media de 3 céntimo por litro de gasóleo e de 1,8 céntimos por litro de gasolina, o que supón un aforro de 80.000 euros, tendo en conta os prezos actuais do combustible”.

Novas bolsas de emprego
A sesión aprobou a terceira edición do programa Lugojob, que inclúe 50 novas bolsas Leonardo da Vinci para lucenses menores de 35 anos, con titulacións relacionadas coa agricultura, silvicultura, pesca, medio ambiente, turismo, informática e ciencias da vida. Con esta nova convocatoria, xa son 310 as Leonardo da Vinci ofertadas pola Deputación na provincia nos últimos tres anos.

Este sábado o Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicará a convocatoria e as bases. O luns abrirase o prazo de solicitude, que será de 15 días naturais, dende o 22 de setembro e ata o 7 de outubro, ambos os dous días incluídos. Durante este período, toda a información sobre as bolsas e o modelo oficial de inscrición estará a disposición dos interesados en www.deputacionlugo.gal. A previsión é resolver as becas antes de finalizar o ano para que os mozos comecen coas súas prácticas a comezos do 2015.

As bolsas son a custe cero para os mozos grazas ós fondos europeos que captou o organismo provincial. Están dotadas de 231.000 euros, financiados nun 70% pola Unión Europea e nun 30% con fondos propios da institución luguesa. A Deputación asuma os gastos de desprazamento, aloxamento, manutención, transporte local e de cursos de idiomas dos 50 bolseiros.

As becas teñen unha duración de 3 meses e medio. Nos primeiros 15 días, os beneficiados realizarán un curso de idiomas. Os restantes 3 meses, farán prácticas en recoñecidas empresas, vinculadas coas súas profesións, nos seguintes países: Alemaña, Austria, Italia, Portugal, República Checa, Reino Unido e Irlanda. Durante todo o proceso, contarán cun titor, que fará un seguimento continuado da súa formación.

Mellora xenética de gando frisón
A Xunta de Goberno acordou adiantar o 60% da axuda de 25.000 euros que a Deputación concede a AFRICOR, supoñendo un anticipo de 15.000 euros, para que esta asociación lucense de control leiteiro, que é a máis grande de España ó contar con máis de 1.700 socios, poña en marcha un innovador programa de mellora xenética de gando frisón en beneficio dos produtores lácteos. Consiste na realización de probas xenómicas (analíticas), que mostran as características xenéticas das novillas (o ADN). En base a esta información, determínase o exemplar co que os exemplares deben ser inseminados co obxectivo de conseguir unha segunda xeración máis completa e produtiva.

Exit mobile version