Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación e o centro asociado da UNED en Lugo impulsan un proxecto de comunicación e cultura dixital dirixido ás asociacións

pres-culturadixitalLugo, 29 de setembro de 2014. O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, participou este luns nunha xuntanza na que lle presentou a asociacións da capital e de toda a provincia lucense o proxecto de comunicación e cultura dixital que están desenvolvendo de xeito conxunto o organismo provincial e o centro asociado da UNED en Lugo. Acompañaron a Outeiro a secretario da UNED na capital amurallada, Ana Traseira, e a coordinadora do proxecto Cultura Dixital, Gala Paz Arias.

A esta xuntanza, que se celebrou no salón de actos da Deputación, estaban citadas cerca de 70 colectivos culturais, musicais ou teatrais, entre outras. Na mesma, explicáronselle as liñas básicas do proxecto, co que se tentará conseguir un maior desenvolvemento cultural a través da apertura dunha porta de comunicación entre a propia UNED e as asociacións culturais no campo da edición e a comunicación dixital audiovisual, o que pode derivar nun incremento da eficacia e nun maior grado de eficiencia das súas programacións. Asemade, abrir unha porta de comunicación entre os sectores cultural e universitario non só incrementaría o número de actividades a compartir, senón que ampliará enormemente o potencial de posibles usuarios.

Para levar a cabo este proxecto de Cultura Dixital programaranse distintas actividades, como curso de divulgación sobre temática científica, xornadas sobre temas de actualidade ou xornadas literarias. Igualmente, o centro asociado de Lugo adaptará, de xeito parcial, a súa programación de Desenvolvemento Cultural á demanda das asocacións culturais provinciais, o que podería derivar na programación de foros de debate, conferencias, docu-fórums ou cine fórums.

Para darlle aínda máis dimensión e publicidade ás actividades que se realizan, porase en marcha unha páxina web, unha revista dixital e a UNED disporá dos seus medios de comunicación propios, como a Cadea Campus. A web e revista propia, xunto a creación dun espazo audiovisual propio dentro da Cadea Campus, no que se colgarán entrevistas, debates de alcance territorial ou foros relacionados ou organizados polas asociacións participantes, serán traballos que se levarán a cabo no último trimestre deste ano.

Exit mobile version