1º MENTIRA: “Como consecuencia da retirada de primas ás enerxías renovables por parte do Executivo Central, o Goberno de Feijóo predecía en marzo do 2013 perdas millonarias en Sogama. Pola contra, o Conselleiro de Industria, Francisco Conde, desvelou recentemente que a reforma enerxética suporá a Sogama novos ingresos de 18 millóns de euros ó ano”.
2º MENTIRA: “O Goberno de Feijóo calculaba perdas de 4 millóns de euros en Sogama no 2013. Do balance de contas da Sociedade despréndense perdas de pouco máis de 600.000 euros, é dicir, un 85% menos das estimadas pola Xunta”.
“Escudándose en catastrofistas previsións, e optando pola saída máis sinxela para eles e máis prexudicial para os veciños, os populares impuxeron ós Concellos unha suba do 34% no custe do tratamento de residuos. Isto obrigou ós municipios a subir os recibos ós cidadáns ou a asumir o incremento con seus recursos”.
Verdadeiras intencións da suba
“O que realmente perseguía o Goberno de Feijóo coa suba do canon non era estabilizar as contas de Sogama, senón liquidar a débeda que esta Sociedade mantén cos seus propios accionistas: Xunta de Galicia, que ten unha participación do 51%; e Gas Natural Fenosa”.
Esta débeda ascendía a finais do 2013 a 25.729.329 euros de capital e 2.822.988 euros de intereses. É froito de dous préstamos subordinados por Sogama con Xunta e Gas Natural Fenosa, sobre os que o Tribunal de Contas emitiu un informe contrario no 2004, recomendando a ampliación de capital e non a fórmula do préstamo co fin de evitar a creba financeira de Sogama.
“Xerando beneficio, Sogama pode devolver o diñeiro á Xunta de Galicia e a Gas Natural Fenosa, que optaron por esta fórmula para tratar de sacar o maior beneficio posible da mesma e asumiron a mínima inversión pese á chamada de atención e recomendacións do Consello de Contas”.
Acordos
Coa moción que o Goberno de Gómez Besteiro leva ó vindeiro Pleno Provincial, que terá lugar este martes 30 de setembro, propóñense os seguintes acordos:
• Manifestar o rexeitamento da Deputación de Lugo á suba do Canon de Sogama por estar baseado en datos e previsións erróneas por parte da Xunta de Galicia.
• Esixir a inmediata retirada da suba do Canon de Sogama e explorar outras vías propostas no Plan Económico-Financeiro, que abaraten a xestión e tratamento dos residuos.
• Solicitar da Xunta de Galicia que se realice unha avaliación seria e rigorosa a través dunha auditoría externa que recolla a situación económico-financeira real de Sogama e que se poña en coñecemento dos Concellos.