Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación esixe aos Gobernos central e autonómico medidas que garantan a seguridade dos veciños do rural

O Goberno Provincial leva ao Pleno deste martes unha moción para esixir aos Gobernos central e autónomico a adopción das medidas necesarias para garantir a seguridade dos veciños da provincia, especialmente no caso dos que residen no rural, ante o incremento da criminalidade na provincia de Lugo. Esta moción súmase ó escrito que a Deputación presentou ante a Subdelegación do Goberno, o pasado venres, para solicitar o incremento do número de efectivos das Forzas de Seguridade para asegurar a vixilancia de persoas e bens de todos os suxeitos, incluídas as administracións.

Santos Ramos presentou esta moción diante da Subdelegación do Goberno, acompañado polo presidente da Asociación Amigos do Camiño da Comarca de Sarria, Jorge López, que denunciou o recorte dos efectivos nas rutas de peregrinación, poñendo como exemplo a eliminación das patrullas a cabalo. “É imprescindible más medidas de seguridade no Camiño para salvagardar un dos motores da economía da nosa provincia, especialmente, no rural”, subliñou López.

O Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos Ramos, destacou entre as causas deste incremento a “degradación da presenza dos corpos de seguridade no medio rural que observamos dende hai anos, motivada polos recortes nos recursos e a redución no número de efectivos”, polo que instou ás administracións con competencias en materia de seguridade cidadá, a traballar en conxunto co obxectivo de “intentar poñer fin ó círculo vicioso que relaciona a falta de poboación coa redución de servizos, entre os que está a garantía de acceso a todos os dereitos privativos”, entre os que está o dereito á seguridade.

Discriminación en seguridade cidadá
Santos lembrou a “preocupación do Goberno da Deputación de Lugo pola promoción e a defensa do dereito á elección de vivir no rural, así como pola loita contra o despoboamento”, polo que o executivo provincial considera fundamental “incidir en políticas que equiparen ós lucenses en dereitos, con independencia do seu lugar de residencia, á vista de que é evidente que para a Xunta e para o Goberno central, a poboación que reside non rural son cidadáns de segunda categoría”.

Santos denunciou a discriminación existente entre as provincias costeiras e as interiores, así como entre os veciños que residen nas cidades e os que fan nos numerosos núcleos de poboación rural que, segundo lembrou, son a “verdadeira trama celular da vida do noso pobo e o seu auténtico sinal de identidade, tal e como recolle a Lei 5/1997, da Administración Local de Galicia”. “A crise non pode ser unha excusa para non garantir a seguridade de todos os veciños, con independencia do seu lugar de residencia”, sentenciou.

A inseguridade afecta a todos

Nesta mesma liña, o Deputado destacou que, ó igual que centos de lucenses, “a Deputación tamén está a sufrir o aumento da inseguridade pola falta de efectivos”. O organismo provincial vén de sufrir unha serie de roubos nas instalacións do antigo Hospital San Rafael, que coincidiron co período no que se estiveron realizando operacións de adecuación do sistema de vixilancia motivadas pola necesidade de modificar o subministro de enerxía eléctrica ó edificio. Durante ese tempo, producíronse tres roubos de material, dos que inmediatamente se presentou a correspondente denuncia ante a Garda Civil.

“É unha lástima que Feijóo non se fixera cargo do edificio dos antigos hospitais provinciais lucenses como si fixo cos das outras tres provincias, incumprindo a súa promesa e ignorando ó seu propio partido, que se manifestou en Castro de Rei para reclamar á Xunta que se fixera cargo do edificio”.

A Deputación está a poñer todos os seus medios para garantir a seguridade de todos os seus edificios, pero “nin ás administracións nin ós cidadáns se lles pode pedir que constrúan fortificacións para evitar roubos. Non se pode facer recaer a responsabilidade nos veciños e veciñas: a responsabilidade e a obriga é das administracións competentes, que teñen que traballar para garantir a seguridade de todos, sen excepción”.

Datos negativos
Os datos que recolle o avance semestral do Balance de Criminalidade do Ministerio do Interior reflicten que na provincia de Lugo, con respecto ó pasado ano, o número de delitos e faltas aumentou, especialmente os roubos con forza, que aumentaron un 25% no caso de roubos en vehículos. Tamén é significativo o aumento dun 45% nos roubos con violencia e intimidación, o que incrementa a porcentaxe de delincuencia violenta en máis dun 28%. Os datos son especialmente preocupantes no caso da provincia de Lugo, xa que, ó ser unha provincia caracterizada por unha forte dispersión xeográfica -36 persoas por Km2-, un 74% dos cales residen no rural, o que favorece a existencia de vivendas illadas.

De feito, os Presupostos do Estado para este ano recollen o recorte no número de efectivos das Forzas de Seguridade do país, coa perda de 4.000 efectivos –un 3,7%- da Polícia Nacional, e de 1.137 na Garda Civil. Os sindicatos policiais e as asociacións de gardas civís denuncian que a calidade dos servizos prestados se verá afectada precisamente por esta redución do número de axentes, á que hai que sumar ó envellecemento xeralizado do persoal.

Á vista destes datos, o Goberno provincial “solicita ó Delegado do Goberno en Galicia a incrementar o número de efectivos da Forzas de Seguridade do Estado para a provincia de Lugo, con especial atención ó rural”, e esixe a Núñez Feijóo que promova ante o Ministerio do Interior as medidas que sexan necesarias para dotar ó rural de toda Galicia dunha maior seguridade.

Exit mobile version