Site icon Crónica3.com A Mariña

A Dirección do IES Vilar Ponte dimite ó coñecer que a Administración deixa sen cubrir unha praza de Lingua Castelá

Tras ter confirmado a principios de setembro un cupo de profesores para o IES Vilar Ponte -43- co que o equipo directivo elaborou uns horarios e cubriu en precario as necesidades do centro; xa que se recortaba unha praza e media con respecto á plantilla de profesorado do ano pasado a pesar de que o número de alumnado aumentou lixeiramente), a Administración Educativa ven de confirmar que non vai cubrir unha praza de Lingua Castelá.

A directiva asegura que “imcumpre, polo tanto, o cupo que a propia Administración lle tiña asignado ó centro e promove unha situación que obriga a unha reestructuración de toda a súa oferta educativa co curso xa empezado”.

Este recorte suporá a eliminación de gran parte das medidas de atención á diversidade que tiña na actualidade o centro, coma por exemplo, os agrupamentos específicos e reforzos educativos en lingua castelá, ou os desdobres para que o alumnado poida acudir aos laboratorios nun número adecuado que permita traballar nunhas mínimas condicións. Deste xeito, critican que “promovendo estes continuos recortes é moi probable que o alumnado non pise un laboratorio en toda a secundaria obligatoria”.

Tamén o funcionamento da Biblioteca do centro, que está no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares e no clube de Lectura, se verá moi afectada, xa que a responsable quedará sen dispoñibilidade horaria para poder atendela.

Outra das medidas que se deberá acometer, que foi suxerida pola Inspección, é reducir de catro a tres os grupos en 1º da ESO. Neste caso, “cren que se pasaría a preto de trinta alumnos por aula nunha etapa onde hai un considerable número de alumnos que polas súas necesidades educativas precisan dunha atención individualizada en grupos máis reducidos”.

Así mesmo, advirten que “estes son só uns pequenos exemplos do que suporá a perda desta praza docente para a calidade educativa que se pretende ofrecer na ensinanza pública. Este recorte dunha praza docente feito a última hora, é unha proba máis da improvisación coa que está a actuar a Administración Educativa, que adolece dunha absoluta falta de planificación, e amosa un absoluto desprecio ao traballo de moitas horas do profesorado, planificando grupos e horarios”.

“A cerrazón da Administración Educativa nesta arbitraria decisión, pon de manifesto tamén a súa total insensibilidade coa particular realidade educativa do centro, onde hai unha elevada porcentaxe de alumnado inmigrante e de minorías étnicas. Os razoamentos esgrimidos para xustificar este incomprensible recorte, deixan ben claro que para a Administración, o alumnado é só un mero número estatístico, e non persoas individuais cunhas necesidades educativas específicas e diversas”.

Exit mobile version