Coa clave GA27005020 e coa denominación Explotación mineira Forno dos Mouros – Cano dos Mouros foi inventariada unha gabia mineira no monte de Coira (Celeiro de Mariñaos). A gabia , dividida en dous tramos, aproximadamente mide uns 400m de lonxitude e 1.70m de ancho. Nas partes mellor conservadas chega aos 4m de profundidade. Unha singularidade desta mina é a existencia dunha especie de pontes, que os mineiros foron deixando cada catro metros cando picaban a rocha, posiblemente como medida de seguridade para evitar o seu derrubamento.
Na inspección realizada por técnicos de Patrimonio e polo arqueólogo especialista en minas romanas, Santiago Ferrer, constatouse que nesta explotación os mineiros seguían unha veta de seixo, da que quedaron mostras nas pontes antes mencionadas. Á espera dunha análise das mostras de seixo recollidas, todo parece indicar que o filón que se explotou no monte de Coira era de seixo aurífero. Polo tanto, estariamos diante dunha nova mina de ouro de época romana, que se sumaría ás de A Cova, A Espiñeira e ás do castro do Carreiro; todas elas ubicadas no contorno da desembocadura do río Masma.
En 1876 o historiador José Villamil y Castro publicou na revista Museo Español de Antigüedades o artigo “Castros y mámoas de Galicia”, no que fala do foxo do monte de Coira e confunde esta gabia mineira co foxo do sistema defensivo dun castro.
Por outro lado, coa clave GA27005021 e coa denominación Túmulo de Monte dos Trobos – Chivadoiro, a Dirección Xeral de Patrimonio incluíu tamén no inventario esta mámoa localizada casualmente por membros da Irmandade Santo Estevo e de MariñaPatrimonio coincidindo cunha visita a unhas galerías mineiras que se atopan neste lugar. Estas galerías foron inspeccionadas posteriormente polos arqueólogos de Patrimonio que concluíron que se trata de explotacións relativamente modernas para a extracción de ferrro e aínda que non foron incluídas no inventario de xacementos arqueolóxicos, teñen un gran valor histórico e etnográfico.