Site icon Crónica3.com A Mariña

Última proba da Copa Deputación de piragüismo, este sábado na ría de Foz

pres-piraguismo-fozFoz, 5 de setembro de 2014. Un total de 200 padexeiros pertencentes a 6 clubs da provincia de Lugo participan este sábado 6 de setembro na última proba da Copa Deputación de Piragüismo, que se celebrará na ría de Foz. Os 200 participantes competirán todos en K1 e pertencen a todas as categorías federadas, dende benxamíns ate veteráns.

A clasificación da Copa Deputación de Piragüismo está encabezada neste momento polo Club Fluvial de Lugo, seguido polo Kayak Foz e o Cidade de Lugo. Viveiro, San Cibrao e Ribadeo pechan a clasificación momentánea á espera de que se dispute a proba desta fin de semana. A saída daráse ás 15.30 horas.

Ao día seguinte, o domingo 7, tamén ás 15.30 horas, terá tamén lugar na ría de Foz a saída Travesía Ría de Foz, suspendida no pasado mes de xullo polas condicións meteorolóxicas. A Vicepresidencia da Deputación ratifica o seu compromiso co piragüismo na provincia de Lugo apoiando estas dúas probas que esta fin de semana se celebran en Foz.

O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsable da área de Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, fixo referencia ao “compromiso que ten adquirido a área de Deporte da Deputación de Lugo coa promoción dos deportes náuticos, máis concretamente co piragüismo, coas continuas melloras que estamos acomentendo no acondicionamento das instalacións dos distintos clubes de piragüismo, que cada día da cabida a máis padexeiros e padeeiras de toda a provincia; ou a posta en marcha da Copa Deputación de Piragüismo, da que este ano se disputou a IV edición, e que cada ano conta cun maior orzamento”.

“Imos no bo camiño de pór en valor un deporte histórico en Lugo como é o piragüismo, logo de revitalizalo con diversas colaboracións e a organización de numerosos eventos deportivos que fan que se incremente o número de licencias de padexeiros e padeeiras en toda a provincia, como é a organización desta Travesía Ría de Foz, a segunda travesía máis antiga de Galiza, e a terceira máis antiga do Estado, tralo descenso do Sella e o descenso do Miño e, polo tanto, é unha das citas máis importantes do calendario mariñao”, concluíu Veiga.

35 equipos inscritos na Travesía Ría de Foz
A 52ª Travesía Ría de Foz, que se disputará nas augas da ría do Masma, está dirixida ás modalidades K2 masculino, K1 masculino, K1 femenino, C1 masculino e C1 femenino, todas elas nas categorías veterano, sénior, xuvenil e cadete.

Para esta edición están inscritos 35 equipos, 33 galegos e dous asturianos, que tomarán a saída ás 15.30 nas inmediacións da sede do Club Kayak. O percorrido mantense similar ao de anteriores edicións cunha distancia a percorrer de aproximadamente 12 quilómetros. A única modificación é que se adianta uns metros a ciaboga da regata na que se emprende o camiño de volta a Foz, por mor dunhas árbores caídas na cunca do río, polo que esta situarase á altura do Pozo Mouro, en lugar do Pozo dos Cantos.

Exit mobile version