Site icon Crónica3.com A Mariña

A Santina, en Foz

Mañán, 13 – 9 –14 , os asturianos da bisbarra celebran a festa da Virxe de Covadonga, A Santina, patrona do Principado. A veneración a Ela é sentimento fondamente arraigado no corazón das xentes e, a manifestación do mesmo, traspasa o que é o seu entorno mais próximo. A Virxe diuse á vela e gañou terras e mares de América, e de medio mundo, porque os nativos, pobo emigrante coma o noso, fiel á terra e ó sentido e apego á virtude racial que se define como “asturianía”, que tan lexítimamente pregoan, e da que fan partícipes a quen os rodean, lèvana consigo alí a onde eles chegan. Esa é a experiencia dos mais de trinta anos que van da presencia notoria dos astures, que se integraron na xeografía humana focega á que contribuen cos seus valores, pois que son xentes dinámicas, extrovertidas, solidarias e participativas, deixando as súas pegadas na sociedade, sobremaneira nas facetas deportivas, culturais, sociais e lúdicas.

As gaitas indíxenas da Subela espallarán os sons de ledicia pola celebración que moi ben poderían soar ó unísono coas súas, pois como Julián Burgos, o poeta de Mieres, dí no longo poema “Foz de perlas”: “…al “orvallo” – como en gallego dicen -/riego de fina lluvia al cual bendicen / hace ya mucho tiempo el pueblo llano / le llama “orvayu” en bable o asturiano, – y son lágrimas , pienso, que el desvelo / y el gemir de la gaita arranca al cielo…”.

Mais tarde, misa na honra da Santina, cantada polo magnífico Coro de Navia, vello coñecido na praza, que despois ofrecerá un concerto. A partir do anoitecer a grande “espicha” na que se prodigarán os clásicos “bollus preñaus”, ovos cocidos e demais manxares típicos, xenerosamente regados pola sidrina, diurética e estimulante, seleccionada para a ocasión… Na longa velada agromará o talante cordial e festivo da concurrencia e, entre “culín” e “culín”, soarán vellos e nostálxicos cantares da terra nai, aínda que nestes trances, lúdicos e báquicos, non se lembre o consello: “ Si quieres cantar bien, niña / y tener voz de clarín / bebe agua de Covadonga / recogida del calderín” …

Suso Fernández

Exit mobile version