Site icon Crónica3.com A Mariña

A Vicepresidencia da Deputación colaborará coa Asociación Contra o Cancro de Lugo

Lugo, 16 de setembro de 2014. O vicepresidente da Deputación e responsábel de Benestar e Deportes, o nacionalista Antonio Veiga, mantivo este mediodía unha reunión coa directiva da Asociación contra o Cancro de Lugo na que puxeron a primeira pedra para a firma dun convenio a través do cal o organismo provincial colaborará no funcionamento do colectivo e nas campañas de sensibilización que promove.

Veiga destacou a importancia deste tipo de asociacións, que fan un traballo inxente en beneficio dos seus asociados e familiares e que, en moitos casos, suplen unha función que debería desenvolver a administración autonómica. “É unha labor moi loable a que está facendo esta asociación, pero o voluntariado non pode chegar e son as institucións públicas as que teñen que tomar decisións. Neste caso, a Deputación, desde a área de Benestar, fai o máximo esforzo en axudarlles dentro das súas limitadas posibilidades, pero son precisas decisións políticas doutro calado, a nivel estatal e a nivel autonómico. Estas administracións son as que teñen que cumprir coa súa obriga e deberían implicarse con moita maior forza, xa que no canto de atenuar o padecemento dos enfermos de cancro, estano agravando”, valorou o vicepresidente da Deputación.

Abandono por parte da Xunta
O colectivo lugués realiza todo tipo de apoio a nivel informativo e de acompañamento, e mesmo ofrece axuda económica a algúns dos seus asociados, xa que todos os veciños da provincia afectados, incluídos os máis pequenos, se teñen que desprazar á Coruña para recibir o tratamento de radioterapia. “As asociacións están suplindo as obrigas que ten a Xunta, xa que o Sergas está conventendo o novo hospital de Lugo nunca sucursal do da Coruña e os hospitais de Burela e Monforte en simples ambulatorios. É penoso que os enfermos de cancro se teñan que desprazan horas e horas, e facer quilómetros e quilómetros, para levar tratamento”, denunciou Antonio Veiga.

Asemade, os coidados paliativos só existen nos hospitais da Costa, en Burela, e de Lugo, pero só para un radio pequeno, quedando moitos doentes fóra da atención domiciliara e véndose, deste xeito, obrigados a desprazarse ao seu centro de referencia.

Actos do 19 de outubro
A Asociación contra o Cancro de Lugo atópase inmersa de cheo na preparación dos actos do Día Internacional do Cancro de Mama, que se celebrará o vindeiro domingo 19 de outubro. Nas distintas actividades que desenvolverán por toda a cidade tamén colaborará a área de Benestar da Deputación. Entre as mesmas, ao igual que xa se fixera o pasado ano, incluirase o alumeado en cor rosa da fachada do Pazo de San Marcos, sede do organismo provincial.

Exit mobile version