Segundo se explicou no encontro, a Policía Local intensificará os traballos de vixianza para evitar incidentes no transcurso desta cita festiva. A Garda Civil, pola súa banda, comprometeuse a traballar conxuntamente cos axentes locais, reforzando o dispositivo de seguridade, co obxectivo de previr a comisión de posibles delitos e garantir a seguridade cidadá, especialmente nas zonas e momentos nos que se rexistren as maiores aglomeracións de xente.
Esta colaboración entre os dous corpos policiais permitirá ademais facilitar unha resposta máis rápida e eficaz tanto a veciños como visitantes de Mondoñedo ante posibles necesidades.
SITUACIÓN DELINCUENCIAL
Os membros da xunta local de seguridade analizaron tamén a situación delincuencial en Mondoñedo no que vai de ano e explicaron que, dos datos de denuncias presentadas, despréndese un lixeiro repunte dos delitos. De todos os xeitos, os presentes valoraron o alto grao de resolución dos feitos delictivos cometidos no municipio, o que atribuiron principalmente ao traballo conxunto e coordinado de todas as forzas policiais con presenza na zona.
CHARLAS PARA MAIORES E ESCOLARES
O subdelegado do Goberno informou tamén este luns sobre o traballo realizado polas forzas e corpos de seguridade do Estado con colectivos especialmente vulnerables como son os maiores e os nenos. Neste sentido, Ramón Carballo referiuse ao chamado Plan Maior de Seguridade posto en marcha a nivel nacional polo Ministerio do Interior para previr e mellorar a seguridade das persoas maiores. Entre as medidas impulsadas no marco deste plan salientan as charlas informativas que imparten efectivos dos corpos policiais, e nas que se trata cos maiores sobre os riscos que constitúen unha ameaza para a súa seguridade.
Do mesmo xeito, referiuse ao Plan director para a convivencia e mellora da seguridade escolar nos centros educativos e as súas contornas. A Secretaría de Estado de Seguridade puxo en marcha este programa co obxectivo de informar a alumnado, profesorado e Anpas sobre temas como o acoso escolar, o consumo de drogas e alcohol, o uso inaxeitado das redes sociais ou a violencia de xénero. Os centros ou asociacións interesadas poden solicitar a realización de calquera deste tipo de charlas informativas.
Xunto ao subdelegado do Goberno e o alcalde, na reunión estiveron tamén representantes da Garda Civil, a Unidade de Tráfico, a Policía Autonómica, a Policía Local e Protección Civil.