Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta apoia con 47.000 euros as festas de interese turístico dos municipios turísticos da Mariña

Lugo, 24 de setembro de 2014.- A Xunta de Galicia destina á Mariña preto de 47.000 euros para apoiar as festas de interese turístico e os concellos turísticos da comarca, o que supón máis da metade do investimento que se realiza na provincia por estes conceptos.

Así o comunicou hoxe a delegada territorial, Raquel Arias, quen apuntou que son axudas non competitivas, que se aproban para todos os concellos que reúnen os requisitos e que as solicitan, co fin de reforzar a promoción dos seus atractivos turísticos.

A delegada explicou que a provincia de Lugo conta con quince festas declaradas de interese turístico e seis concellos turísticos. Deles, corresponden á Mariña a Festa das San Lucas de Mondoñedo; as do Ourizo, Maruxaina e a Queimada de Cervo; o Festival Folclórico Internacional do Emigrante de Barreiros, as festas de San Lourenzo de Foz, e a Festa da Faba de Lourenzá. A Xunta financia estas citas con 24.500 euros.

A Xunta subvenciona os gastos relacionados coa promoción e difusión turística da festa como publicidade, cartelaría, anuncios nos medios de comunicación, actuacións artísticas ou material gravado relativo á festa, entre outros. No caso da celebración de festas gastronómicas tamén son subvencionables os gastos de adquisición do produto obxecto da festa.

Arias xustifica o impulso a estes eventos que “destacan tanto pola súa singularidade e raigame como pola capacidade de atracción de visitantes, son unha exaltación da cultura e tradición popular e un incentivo para as economías locais”.

Así mesmo, Turismo de Galicia destina 22.395 euros aos concellos turísticos de Mondoñedo, Ribadeo e Foz para a contratación dun traballador durante catro meses, encargado de labores informativas e de promoción turística.

Raquel Arias subliñou a colaboración que se establece cos concellos en materia turística para “difundir os atractivos de cada comarca, a singularidade de cada municipio, poñendo en valor ao mesmo tempo a riqueza gastronómica, etnográfica e paisaxística deste territorio”.

Exit mobile version