Nesta liña, explicou, que o texto aprobado hoxe polo Consello da Xunta é “unha proposta de regulación de todo o que temos que facer desde o punto de vista ambiental, desde o punto de vista das infraestruturas; e tamén para regular o acceso ao público, en períodos de máxima afluencia e de acordo cun cupo que valoramos entre 2.000 e 5.000 persoas, como máximo de visitantes diarios a ese areal”.
Así que, se ben durante o verán a Xunta levou a cabo unha serie de actuacións inmediatas como o reforzo da vixilancia, a mellora da sinalización e a delimitación de sendas peonís, Feijóo precisou que agora se presenta un conxunto de actuacións a medio prazo para “preservar este monumento natural fronte aos riscos que comprometen o seu futuro”. Abundou que se mantén unha “folla de ruta para garantir a biodiversidade, mediante a conservación dos hábitats naturais e das especies de fauna e flora silvestre; para promover un uso público ordenado e compatible coa conservación dos valores ambientais” que motivaron a declaración do monumento natural; e para potenciar “a implicación social na conservación do monumento natural así como a divulgación dos valores naturais, xeolóxicos, culturais e paisaxísticos dese espazo da Mariña lucense”.
De acordo con estes obxectivos, o documento preliminar do Plan de Conservación propón un programa de actuacións, entre as que destacan: a promoción de liñas de investigación para a mellora do coñecemento e inventario de hábitats naturais e das especies de flora e fauna silvestre; un protocolo de seguimento e erradicación das especies invasoras; un programa de conservación da matogueira costeira, que é clave para o futuro deste espazo e que se atopa en perigo de extinción; a mellora das infraestruturas e servizos existentes; e o regulamento do acceso público.
Deste xeito, e en función dos cálculos previos de capacidade de acollida do espazo, estímase que o límite máximo que se estableza no documento definitivo nunca debe superar as 5.000 persoas diarias, e ás veces, precisou Feijóo, “entendemos que o intervalo debe estar entre as 2.000 e as 5.000 persoas”.
“Imos tentar consensuar ese plan e inmediatamente activalo”, afirmou Feijóo porque, dixo, “queremos contar cunha folla de ruta que permita xestionar a Praia das Catedrais mantendo o valor ambiental e aproveitando ese recurso turístico. O obxectivo, como digo, aprobalo definitivamente no verán de 2015”, concluíu.