Site icon Crónica3.com A Mariña

Aberto o prazo de inscrición nas escolas deportivas municipais de Burela ta o venres 26 de setembro

Burela, 22 de setembro de 2014. Ata o vindeiro venres, 26 de setembro, estará aberto o prazo de inscrición nas escolas deportivas municipais, que organiza o Concello burelés durante o curso 2014/2015. Esta tempada haberá badminton, tenis de mesa, patinaxe artística, ballet e patín lúdico.

Segundo explica a concelleira de Deportes, Beatriz Piñeiro, “as escolas deportivas municipais están destinadas a alumn@s nad@s entre os anos 1998 e 2009. As actividades son gratuítas e a tempada comezará o 1 de outubro e rematará o 29 de maio”.

As fichas de inscrición deberán ser entregadas na Casa do Concello en horario de 9 a 14 horas antes do venres, 26 de setembro. Piñeiro apunta que “en todas as actividades existe un número máximo de prazas, que será de 15 por grupo, para asegurar o correcto funcionamento de ditos grupos, así coma un número mínimo para poder levalas adiante”.

A adxudicación das prazas farase por rigorosa orde de inscrición. A partir do luns, 29 de setembro, farase pública a lista de admitidos na Casa do Concello.

A escola de badminton terá lugar os luns de 16 a 17 horas no pavillón Os Castros. A de tenis de mesa será os martes de 17:40 a 18:40 na Casa da Xuventude. A escola de patinaxe artística desenvolvera no pavillón Os Castos os martes de 16:30 a 19:30 horas. A de ballet será os xoves de 18 a 20 horas na Casa da Cultura e a de patín lúdico terá lugar os xoves de 16 a 18 hora no pavillón Os Castros.

Beatriz Piñeiro lembra que “o primeiro día de cada actividade deberán presentarse todos os admitidos na mesma para o reparto de grupos e categorías así como para recibir as indicacións sobre horarios, indumentaria, material, etc…”.

Exit mobile version