Site icon Crónica3.com A Mariña

Aberto o prazo de matrícula na Escola Municipal de Música de Burela do 11 ó 30 de setembro

Burela, 5 de setembro de 2014. Do 11 ao 30 de setembro estará aberto o prazo de matrícula para o curso 2014/2015 na Escola Municipal de Música de Burela. A presentación da nova tempada será o 22 de setembro.

A concelleira de Educación, Mónica Pedre, sinala que “para formalizar a inscrición os interesados deberán acudir á sede da escola, onde lles facilitarán a documentación necesaria para a matrícula, de luns a venres en horario de 10 a 14 horas”.

Todos aqueles alumn@s que desexen matricularse por primeira vez e sexan menores de idade deberán presentar a fotocopia do DNI dun dos pais, fotocopia do libro de familia e unha fotografía tamaño carné. E os maiores de 18 anos unicamente fotocopia do DNI e fotografía.

A edil popular indica que “durante este curso, como en anos anteriores, a Escola de Música traballará na organización e desenvolvemento de actividades, tanto a nivel escolar coma a través doutros colectivos, de cursiños de educación musical, luthería, concertos didácticos, talleres, etc… nos que se traballarán diversos contidos coma: apreciación musical, discriminación auditiva, coñecemento dos elementos da música, práctica instrumental…”.

Pedre engade que “continuará aberta a aula de formación musical para adultos e o curso de música e movemento para nenos entre 4 e 8 anos, así coma as especialidades instrumentais e as materias complementarias coma a linguaxe musical, coro, interpretación, formación orquestral ou banda”.
No taboleiro de anuncios da escola atópanse expostos os horarios e as prazas vacantes das distintas especialidades instrumentais do curso 2014/2015. A presentación será o 22 de setembro ás 20:30 horas no Auditorio Municipal.

Os instrumentos que se impartirán son: violín, viola, violonchelo, contrabaixo, frauta, clarinete, óboe, fagot, trompa, trompeta, trombón, tuba, piano, percusión, gaita e saxo.

A concelleira de Educación subliña que “o equipo de goberno está facendo un esforzo importante para potenciar a Escola Municipal de Música. Hai mes e medio decidiu baixar as taxas para o vindeiro curso 2014-2015, cos votos en contra da oposición municipal, que debeu recapacitar dado que non presentou ningunha alegación durante o período de exposición ao público que rematou este xoves. Ademais, e como se ven facendo desde 2012, e neste caso con suficiente antelación para poder comezar o curso co cento por cento da plantilla de profesorado cuberta, os vindeiros días quedarán seleccionados os profesores que impartirán clases de óboe, frauta e clarinete. Igualmente, o goberno municipal está ultimando a fórmula para que a Escola Municipal de Música conte cun profesor de canto para este próximo curso. Todo apunta a que será unha fórmula transitoria de cara a darlle no futuro unha certa estabilidade”.

Exit mobile version