Site icon Crónica3.com A Mariña

Antón Lopo levará a súa performance ‘Lampíricos’ este xoves ó Teatro de Ribadeo

Ribadeo, 3 de setembro de 2014. O Teatro de Ribadeo acollerá este xoves 4 de setembro ás 20.30 horas a performance ‘Lampíricos’, do escritor e xornalista monfortino Antón Lopo, que achega así deste xeito á comarca da Mariña esta mestura de narración oral, instalación e interacción teatral co público. Esta actividade está organizada pola área de Cultura da Deputación en colaboración co Concello de Ribadeo.

‘Lampíricos’ é unha proposta oral de Antón Lopo, sobre uns textos elaborados nunha longa estadía en Essaouira, un dos banzos fortes do sufismo marroquí. Desa experiencia, e da deriva que atopa ao seu regreso, xurden textos que indagan nunha contemporaneidade quebrada, cun corpus social rebentado e unha aturdida parálise individual. Pero Lampíricos non é soamentes a crónica dese saqueo, senón tamén unha paisaxe de impulsos e sentimentos que atrapa ao espectador-lector nunha acción implacable.

A obra estreouse no 2013 na Galería Dispara da Estrada e desde entón programouse, entre outros lugares, no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO), na Capela de San Pedro de Monforte de Lemos, no Labranza de Bueu, no Museo de Arte Contemporánea Mohamed Driss de Tánxer, na Sala Chela Mar de Málaga ou na Cripta da Deputación de Lugo ubicada no Pazo de San Marcos, con dous pases a principios do pasado mes de xuño. A peza viaxa agora a Samos, A Pobra de Brollón e Folgoso do Courel.

Coa acollida desta peza, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que dirixe o nacionalista Antonio Veiga, demostra, unha vez máis, o seu compromiso coa cultura e lingua galega, un apoio que se amosa durante todo o ano coa implicación en proxectos como é o caso desta performance de Antón Lopo.

Interacción entre actor e espectador
‘Lampíricos’ narra a historia dun home que se adentra no espazo e que camiña coa súa propia luz. O son ambiental delimita as arestas do discurso: “Este é o noso exilio”. O home preséntase como “un poeta disconforme, dismoderno” e, e polo que di, acompáñano “fumadores, mestres sufis, mulleres en loita” ou seres que se alimentan de “maxia e hurís”.

A partir dese instante, o home comeza a desenvolver as voces que oíu durante a súa propia desaparición, nunha viaxe que ás veces é un combate e, outras veces, unha prácida tarde de Martinis. Pero, ¿Como visten os poetas dismodernos? ¿Qué comen os poetas dismodernos? ¿Onde viven os poetas dismoderos? ¿Cerca dos basureiros, nas trincheiras ou nos pisos de luxo? ¿É certo que os poetas dismodernos combaten identidades integradoras que os integran en identidades que non queren ser? A estas cuestións el responde: “Estou aquí pola urxencia, iles están armados”. Discotecas, hospitais, campos de batalla, saunas, eremitarios de resistencia, o Serengueti, Pontevedra, Compostela… Os espazos e as personaxes superpóñense como se superpoñen os soportes, os movementos e as cicatrices desta acción que non deixará a ninguén indiferente. “Eu” di o home, “falo de corpos e iles de armaduras”.

Antón Lopo, polifacético escritor
Antón Lopo (Monforte, 1961) é creador de vocación interdisciplinar: fundou con Ana Romaní o Laboratorio de Indagacións Poéticas e autor do poemario oral Prestidixitador (2001), unha experiencia singular onde o poeta é o único soporte da obra.

Como activista e performer realizou O lugar, no que mediu Santiago de Compostela co seu corpo e co Festiclown percorreu Chiapas nunha montaxe de apoio ás bases zapatistas.

Como poeta publicou Sucios e desexados (1987), Manual de masoquistas (1990), Á sombra dos rapaces mexando (1995), O libro dos amados (1996), OM (1996), Pronomes (1998); como narrador publicou diversos relatos espallados en publicacións colectivas e as novelas As reliquias (Xerais, 1991), Premio Café De catro a catro, O riso de Isobel Hill (Deputación de Pontevedra, 2000) e Ganga (Xerais, 2001).

No ano 2002 publicou Fálame. Tamén participou no libro Xuro que nunca volverei pasar fame (2003), elaborado polas Redes Escarlata, das que forma parte.

Exit mobile version