Site icon Crónica3.com A Mariña

Aprobado inicialmente o regulamento dos cemiterios municipais de Ribadeo e Ove

Ribadeo, 26 de setembro de 2014. No pleno ordinario celebrado no Concello ribadense onte foron aprobadas as modificacións incluídas no PXOM, seguindo as directrices marcadas pola Secretaría Xeral de Urbanismo. Tamén se aprobaron o convenio a asinar con Acisa para a dinamización comercial de Ribadeo e o regulamento dos cemiterios municipais.

O alcalde, Fernando Suárez, explicou que “foi un pleno moi importante, cheo de cousas moi importantes para Ribadeo, e que ademais a maior parte delas foron aprobadas por unha ampla maioría ou cando non cos votos do grupo do goberno do BNG e coa abstención do resto dos grupos. Pero gustaríame destacar de entre todos, a aprobación case unánime que tivemos do Plan Xeral de Ordenación Municipal no sentido de que a maioría da Corporación, é dicir once concelleiros dos trece que somos, votamos a favor con só dúas abstencións, algunha delas un tanto rara, pero que lle imos facer. Por tanto, aprobamos a modificación que tivemos que facer da aprobación provisional do plan de fai uns meses, que precisamente a Secretaría Xeral de Urbanismo nos requiriu para que así, esperemos que sexa en poucas semanas, a Xunta de Galicia poida aprobar definitivamente o planeamento urbanístico de Ribadeo”. Para Suárez Barcia “será un beneficio para todos os veciños e veciñas e quero reiterar a miña felicitación e os meus parabéns para todos os concelleiros que durante todo este tempo viñemos traballando estreitamente, con independencia do grupo político ao que pertenceran, e que agora a maior parte deles votaron a favor desta proposta de modificación de todos os requirimentos que a Xunta nos ordenou”.

Outro dos puntos que se aprobaron na sesión plenaria de onte foi o convenio a subscribir con Acisa para a dinamización comercial de Ribadeo. O alcalde dixo que “seguimos a marcar as pautas de actuación que permiten poñer o grao de area do Concello dende a achega económica e dende as actuacións que o Concello se compromete a facer e tamén coas actuacións que Acisa se compromete levar a cabo no sentido de traballar conxuntamente como estamos a facer nos últimos tempos. Penso que somos un referente comercial para A Mariña e para unha parte moi importante do territorio e dende logo temos que seguir nesta idea de facer un Ribadeo atractivo, atractivo no arquitectónico, nas súas rúas peonís e nos espazos públicos, un Ribadeo atractivo cun comercio moderno e que saiba atraer xente e no que as infraestruturas de comunicación servan para seguir atraendo xente e non para levala. Nesa idea está o Concello e nesa idea están os comerciantes. Este convenio foi aprobado cos votos a favor do equipo de goberno e coa abstención do resto dos grupos”.

No pleno quedou aprobado inicialmente o regulamento dos cemiterios municipais de Ribadeo: o da vila e o de Ove. “Trátase de dotar a estes cemiterios dunha normativa e dun regulamento moderno e actual, que veña a substituír ao vixente que é de 1932 e ten moitos anos, polo que non está adaptado ás lexislacións actuais. Por iso, ás veces formula determinados problemas sobre todo co tratamento de nichos en desuso e con determinados dereitos e deberes dos propietarios ou concesionarios de sepulturas. Agora polo tanto haberá unha exposición pública durante un mes, onde tódolos veciños e colectivos poderán ver este documento e ao mesmo tempo, poderán facer suxestións e achegas porque do que se trata é que entre todos poidamos facer unha normativa cómoda, que regule o funcionamento para ben do cemiterio, sen que haxa ningunha traba. Senón todo o contrario, que é o que pretendemos”, dixo o alcalde, Fernando Suárez.

Exit mobile version