Site icon Crónica3.com A Mariña

Arrinca en Cervo o “Mes da Igualdade” que inclúe charlas, proxeccións e concertos de música

mes-igualdadeCervo, 2 de setembro de 2014- A edil de Igualdade, Pilar Armada, e a de Xuventude, Yolanda Pedreira, deron a coñecer este martes as actividades incluídas no Mes da Igualdade que arrincaron esta semana e que inclúen charlas e proxeccións centradas neste tema así como un concerto de música. Uns eventos que se prolongarán ao longo de todo o mes de setembro e que se ofrecerán nas parroquias.

As charlas, que xa comezaron onte en Rúa, continúan a semana que vén; o 8 na Casa da Cultura de San Ciprián, o 15 no Ecomuseo de Cervo, o 22 no local social de Trasbar e o 29 na escola de San Román. En canto aos temas que se abordarán, están baseados na igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, habilidades sociais, xestión do tempo ou relaxación e consciencia social.

Ao longo deste mes tamén se ofrecerá o Cine Fórum “Igualdade”, que inclúe proxeccións na Casa da Cultura o 6 de setembro, na escola de Rúa o día 7, na escola de San Román o día 11, no Ecomuseo de Cervo o día 21 e no local social de Trasbar o 28 de setembro.

“Música para a igualdade” chegará o día 12 a partir das 20 h. nun acto que terá lugar na Casa da Cultura e que comezará coa lectura do manifesto a prol da igualdade e en contra da violencia de xénero. Rabentola e Mar Aberto ofrecerán despois un concerto e os actos clausuraranse cunha merenda e a solta de globos.

Todas estas actividades contan cunha subvención da Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Igualdade e o Fondo Social Europeo. Armada destaca que “estas actividades son importantes para seguir facendo visible o obxectivo da igualdade real” e agradece “a colaboración de institucións como a Xunta de Galicia, que fai posible estas iniciativas”.

Exit mobile version