Site icon Crónica3.com A Mariña

Arrincan as obras de mellora e modernización do campo de fútbol da Veiga

Cervo, 26 de setembro de 2014- O Concello de Cervo informou este venres de que esta semana comezaron as obras do proxecto de mellora e modernización do campo de fútbol municipal da Veiga. O alcalde, Alfonso Villares e o edil de Deportes, Luis Guillén, estiveron esta mañá no terreo de xogo comprobando o desenvolvemento dos traballos. Polo momento estase retirando o actual céspede para poder instalar os novos sistemas previstos no proxecto.

Tal e como explica o edil de Deportes, “ao remate das obras o campo de fútbol cambiará por completo, xa que permitirá un uso intensivo, en calquera época do ano, e cun terreo sempre en bo estado”. Isto será posible grazas á instalación de céspede artificial de última xeración e máxima calidade, máis duradeiro e resistente, que converterá este campo nunha instalación moderna e única na Mariña.

Ademais, as características do novo campo permitirán reducir os custos de mantemento, tanto porque precisará de menos coidados, como porque se instalarán sistemas eficientes que diminuirán o consumo de auga. En concreto, colocarase unha rede de drenaxe para que a auga da chuvia non se acumule no campo e que tamén inclúe un circuíto pechado para aproveitar a auga de regado.

Outra das medidas que permitirá o xogo ininterrompido será a iluminación. Colocaranse para iso catro torres con 5 proxectores de 2.000 W en cada unha, co cal poderase practicar deporte de día e de noite. Ademais, os sistemas de iluminación tamén serán eficientes.

En canto ao acceso, realizarase dende a estrada principal, a avenida da Veiga, e non pola parte traseira como ata o de agora. Desta maneira, a entrada ao campo de fútbol farase pola mesma zona que ao pavillón de deportes da Veiga.

Segundo as previsións da empresa adxudicataria, as obras poderían estar rematadas no mes de decembro, sempre que as condicións climatolóxicas o permitan xa que existen tarefas que non se poden realizar con moita humidade ou con chuvia.

“Un conxunto de medidas coas que queremos seguir apoiando o deporte poñendo especial atención nas categorías de base, ao tempo que conseguimos un campo de fútbol sempre dispoñible e sempre en bo estado”, explica Guillén.

Exit mobile version