Site icon Crónica3.com A Mariña

As obras de reforma da Praza de Abastos de Ribadeo complementaranse cun ciclo de formación dirixido aos praceiros

praceiros-ribadeoRibadeo, 19 de setembro de 2014. En breve darán comezo as obras que se realizarán na praza de abastos de Ribadeo. Contan cun investimento de cerca de 64.000 euros. Están subvencionadas pola Xunta e consistirán no pintado exterior do edificio e no arranxo de vigas e de desconchados no interior. O proceso de adxudicación das mesmas estase a ultimar, segundo explicou o alcalde, Fernando Suárez, esta mañá. O rexedor tamén aludiu ás accións formativas que se levarán adiante para os praceiros e para potenciar o consumo de produtos locais.

Suárez Barcia afirmou que “nestes días estamos a ultimar unha serie de actuacións, tanto no tipo de estrutura deste edificio municipal, como tamén nas accións formativas para os comerciantes que desenvolven a súa actividade aquí, na praza de abastos de Ribadeo. Como sabemos, o noso municipio está a ser visitado por moita xente de aquí e de fora. Somos conscientes de que os invernos son duros para todos e queremos poñer o noso graíño de area para poñer en valor o que temos. Por iso, queremos seguir animando á xente a que consuma local e compre produtos de calidade coma os que aquí se venden, tanto carne, coma verdura, coma froita ou coma peixe”.

O alcalde ribadense engadiu que “por iso, aproveitando unha axuda autonómica imos facer unhas obras na praza de abastos que comezarán a realizarse en moi poucos días. Estamos a ultimar a adxudicación desta obra que consistirá nun pintado do perímetro exterior do edificio e nun amaño de parte da estrutura de vigas e danos nas paredes, así coma dalgunhas outras melloras nas que estamos a traballar. Pero ao mesmo tempo, queremos ofrecer tamén unha formación para os propios tendeiros, unhas cápsulas formativas como lles chamamos, que sirvan para mellorar a atención ao cliente e para fidelizalo. O que se trata é de demostrar que a praza non é soamente un espazo para vir os días de mercado, senón un lugar que ofrece os mellores servizos durante tódolos días da semana e durante case todos os días do ano”.

O rexedor defendeu que “dende o Concello queremos avogar por novas formas de comercialización, de promoción e de captación de novos clientes, que penso que é o maior reto que ten un mercado de abastos. Que non só sexa o cliente tradicional o que acuda a el, senón que se amplíe e se difunda a súa actividade a moita máis xente. Polo tanto, queremos facer accións formativas neste ámbito e para iso unha persoa experta na materia vai a asesorar individualmente a todos e cada un dos establecementos que están aquí para suxerirlles melloras de presentación e de traballo que poidan facer. Finalmente, tamén se vai a desenvolver unha campaña cooperativa, tanto on-line como off-line, sobre os valores da praza, a importancia de consumir local e outras liñas de actuación que signifiquen a difusión maioritaria deste espazo público”.

Exit mobile version