Site icon Crónica3.com A Mariña

Asinada a acta de replanteo do solar no que se construirá a nova gardería de Burela

replanteo-solarBurela, 17 de setembro de 2014. O alcalde, José Mª González Barcia, asinou este mércores con técnicos da Axencia Galega de Servizos Sociais a acta de replanteo do solar no que se construirá a segunda escola infantil de Burela. As obras comezarán nos próximos días e contan cunha inversión de 380.000 euros. Dende o Concello esperan que os traballos estean finalizados para a primavera de 2015, un feito que permitiría que 41 nen@s de 0 a 3 anos puidesen ser matriculados nesta gardería de Burela no curso 2015/2016.

O responsable municipal recoñeceu que “se trata do acto administrativo oficial de inicio das obras, que fisicamente comezarán nos próximos días. Nós sempre dixemos que Burela precisaba unha nova escola infantil, xa que a actual ten lista de espera e hai nenos que sabemos que seus pais non os inscriben porque son conscientes de que se van a quedar fora por falta de prazas. Por iso, xestionando coa Xunta de Galicia, conseguimos que nos introduciran nun plan para construír unha nova escola infantil aquí en Burela. Esta escola vai a contar con tres unidades e vai a permitir que 41 nenos e nenas de entre 0 e 3 anos poidan ter unha praza nunha escola infantil pública”.

Barcia afirmou que “para nós é un motivo de satisfacción porque no seu día nos comprometémonos a facer unha nova escola infantil e como agora se ve, cumprimos coa nosa palabra. Cumprimos cos veciños e veciñas do noso concello, e cumprimos poñendo en marcha esta actuación, que consideramos que é moi importante para Burela por varios motivos. Primeiro, porque na actual escola infantil hai lista de espera e hai nenos e nenas que se quedan fora. Segundo, porque con esta actuación imos conseguir consolidar poboación, porque evidentemente haberá 41 familias que poidan vivir en Burela contando cunha praza na gardería pública para deixar aos seus fillos e fillas. Terceiro, porque se crean postos de traballo xa que na gardería haberá profesionais que se dediquen ó coidado dos nenos e case con toda seguridade, estes profesionais acabarán vivindo tamén en Burela. E cuarto, porque conseguimos un obxectivo importante que é conciliar a vida laboral e a vida familiar. Por todo isto, nos estamos enormemente satisfeitos de que esta obra vai a ser por fin unha realidade”.

O alcalde aclarou que “a obra ten un custo de 380.000 euros e leva 3 unidades para un total de 41 alumn@s. Nós somos conscientes de que o Concello vai facer un esforzo económico importante, pero tamén o somos de que Burela precisa de ese esforzo para contar con este servizo. Por iso cando fixemos o anuncio dixemos o que había con total transparencia. E agora, temos motivos máis que suficientes para estar satisfeitos con esta actuación, que vai estar acabada aproximadamente nos meses de marzo ou abril do vindeiro ano. Esperamos que se non hai ningunha novidade entre en funcionamento no curso 2015/2016”.

Exit mobile version