Site icon Crónica3.com A Mariña

Balance “moi positivo” da asistencia que rexistraron este verán os concertos no Eido Dourado

Barreiros, 10 de setembro de 2014. O espazo artístico barreirense Eido Dourado poñerá punto e final o vindeiro domingo, 14 de setembro, á súa actividade estival iniciada a comezos de xullo. Celso Dourado, responsable do museo, fixo un balance moi positivo sobre as visitas rexistradas no verán, tanto na exposición permanente, coma no ciclo de concertos levado a cabo nos xardíns do Eido Dourado. O artista adiantou que xa está a traballar na vindeira tempada, a de 2015, e resaltou a dificultade de seguir organizando eventos culturais de calidade, sen contar con axudas oficiais ou cobrar entrada aos particulares.

Celso Dourado cualificou o balance dos concertos deste verán no Eido Dourado coma “estupendo e fenomenal porque coincidiron dous factores fundamentais: o tempo que nos axudou marabillosamente e nunca nos choveu e ademais coincidiron unha serie de músicos que fixeron que a programación fose francamente envexable. Tivemos dende jazz experimental, ata músicas vidas dende o continente africano, flamenco feito en Galicia e un largo etcétera, que deu unha calidade aos concertos que non tivemos noutras edicións. Os concertos tiveron unha acollida inmensa, xa que superamos sempre o aforo e estiveron nunha media aproximada de 200 persoas cada un. Algo que é realmente grande”.

O artista barreirense engadiu que “cada vez faise máis complicado organizar e manter o nivel dos concertos deste ano. Eu son unha persoa que cando vexo algo que me convence, tiro para diante. Por iso, cando vexo un músico que me asombra e me di algo, procuro traelo ao Eido Dourado. Pero aínda así, a organización faise difícil, e máis cando partimos da base de que todo o sufragamos con fondos propios. Aquí non hai ningunha subvención de ningún tipo de institución e tampouco cobramos entrada porque creo que esas músicas que están por aí, en moitos casos esquecidas, deben ser ofertadas á xente tal e como son. Eu sempre digo que levar a cabo actividades coma a nosa é case unha cuestión de militancia”.

Sobre as visitas rexistradas na exposición permanente do Eido Dourado durante este verán, Celso Dourado afirmou que “as visitas varían pouco dun ano a outro, o que si está claro, por exemplo, é que os días que chove as visitas son moi numerosas e os días que quenta o sol son inferiores. O que si é seguro é que o fin de semana sempre se baten picos de visitas. Con todo, o Eido Dourado é un espazo singular que eu pretendo manter con todo o meu esforzo e que está enclavado nun sitio moi concreto, moi determinado, moi de ocio, no que esperamos seguir”.

Celso Dourado adiantou que xa está a traballar en “renovar a exposición permanente que teño no museo con obras diferentes. Tamén quero comezar a programar os novos concertos do Eido Dourado. Esperamos que o vindeiro ano poidamos ter outra edición neste espazo, que dalgunha maneira siga camiñando na boa liña deste ano 2014”.

Exit mobile version