Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela desenvolverá infinidade de actividades ata o luns 22 con motivo da Semana Europea da Mobilidade

OLYMPUS DIGITAL CAMERABurela, 16 de setembro de 2014. Un grupo de alumnos e alumnas do CEIP Vista Alegre participaron este martes no Concello nunha charla sobre mobilidade e educación vial, que foi impartida por membros da Policía Local e polas monitoras de Gaia. Os rapaces foron recibidos polo alcalde, José Mª González Barcia, e pola concelleira de Servizos Sociais, Diana Durán. Deste xeito daban comezo as actividades da Semana Europea da Mobilidade, que seguirán ata o vindeiro luns, 22 de setembro.

Charlas, circuítos de karts, paseos desde o colexio ata Concello, mesas informativas e xogos compoñen a programación deste ano, que organizou a Delegación Municipal de Medio Ambiente. Ademais o sábado, 20 de setembro, de 18.30 a 19.30 horas haberá un espectáculo de maxia na praza da Mariña, a cargo do Mago Pi.

E o domingo, 21 de setembro, será o día sen coches. Así desde as nove da mañá ás dez da noite estarán pechadas ao tráfico as rúas Pardo Bazán (no treito da intersección de Curros Enríquez e Eijo Garay) e Eijo Garay (no treito da intersección de Rosalía de Castro e Pardo Bazán). En Pardo Bazán haberá carreiras de mobilidade, organizadas por Gaia e na praza da Mariña situaranse mesas informativas das asociacións Esperanza e Mulleres en Igualdade. Esa xornada terá lugar tamén un obradoiro de maquillaxe e outro de manualidades, unha actividade denominada Palillando na rúa, a cargo de As Encaixeiras e Dispara a gol coa participación de xogadores/as dos equipos de fútbol sala de Burela. Haberá de novo maxia, unha merenda infantil patrocinada por ACIA Burela e as actuacións musicais de Rabentola, Batuko Tabanka e Nós Bandera. O programa de actividades da Semana Europea da Mobilidade concluirá o luns.

Desde a Concellería de Medio Ambiente lembran que “Burela é un participante destacado na Semana da Mobilidade. Este é o sétimo ano consecutivo en que celebramos esta cita, que ten por slogan neste 2014 Unha rúa mellor é a túa elección”. Das 450 cidades participantes en toda España, 6 son galegas: A Coruña, Burela, Barco de Valdeorras, Lugo, Ourense e Vilagarcía de Arousa. “Burela participa cunha semana de actividades, adoptando medidas permanentes e celebrado o día da cidade sen coches. Somos un participante destacado ao celebrar a SEM nestes tres apartados”, engaden desde o Concello.

As actividades da Semana Europea da Mobilidade foron presentadas pola concelleira de Medio Ambiente, Patricia López Eijo, e polas técnicas que participarán nas mesmas.

Exit mobile version