Site icon Crónica3.com A Mariña

Catro podios para Iadovi no Trofeo San Froilán de tiro con arco en sala

iadovi-sanfroFinalizada a tempada de aire libre, o Trofeo San Froilán 2014 celebrado en Lugo o sábado 27 de setembro, abre a tempada de tiro con arco en sala. Ata alí desprazouse equipo do Club Iadovi, formado por oito arqueiros de distintas categorías, pero idéntica modalidade de tiro con arco, o recurvo.

Tras finalizar a xornada non puido terminar mellor para a escadra mariñá: catro podios e mellora xeral de puntuacións medias.

Infantil
Na categoría Infantil competían os nosos alevíns (unha categoría por encima da súa). Beatriz Melo Botelho conseguía a terceira posición na súa primeira tirada como infantil cunha puntuación de 366 puntos de 600 posibles. Ángel Galante Briones finalizaba na cuarta posición con 487 puntos mellorando a súa última marca de 474 puntos, conseguida en Cambrils (15/02/2014) no Campionato de España para menores de 14 anos.

Novel
Na categoría Novel, para maiores de 14 anos, estreábase a última incorporación ao Club, Iván Cendán Lindín, que obtiña a terceira praza, con 526 puntos.

Cadete masculino
Na categoría de cadete masculino, Gabriel Galante Briones obtiña o segundo posto con 554 puntos mellorando do mesmo xeito que o seu irmán menor a marca obtida en Cambrils no Campionato de España de Sala onde se proclamaría Subcampión de España con 544 puntos. Francisco Melo Botelho, finalizaba quinto con 394 puntos mellorando tamén a súa marca persoal conseguida en Pontevedra (19/01/2014) no campionato Galego de Sala onde asinaría unha táboa de 374 puntos.

Sénior
Na categoría Senior Dama, Ana María Briones Montes, facía caer a súa marca persoal conseguida o 26/01/2013 no VIII trofeo de O Barco de Valdeorras (Ourense) onde situaba o seu tope en 477 puntos, ata os 505 puntos que lle valeron a terceira praza do Trofeo a tan só 10 puntos do primeiro posto.

Na categoría Senior masculino os dous representantes, Jose Manuel García Cordido, máis coñecido en Burela coma “O Campaneiro”, conseguía a praza 14 con 465 puntos, seguido de Jorge Galante Pérez que ocupaba a praza 15 con 447 puntos.

Exit mobile version