Site icon Crónica3.com A Mariña

Caxigueiro pon en marcha Espazo Caritel que mestura arte e natureza

Situado a 5 quilómetros de Foz e a uns metros da Basílica de San Martiño de Mondoñedo -xoia do Románico declarada Monumento Nacional-, Espazo Caritel é unha iniciativa do artista plástico Caxigueiro que xira arredor da arte e a natureza a través da que pretende difundir a súa obra e a posibilidade dun desenvolvemento sostible da contorna.

O itinerario visitable conta cun edificio, obra do arquitecto Xosé Moscoso, que alberga unha sala cun dobre espazo destinado a exposicións temporais. Tamén se pode visitar o xardín de 3.500 metros cadrados e notable valor botánico. Abunda a flora autóctona que contrasta con especies pouco frecuentes nestas latitudes.

A obra de Caxigueiro reflexiona sobre cuestións que condicionan o desenvolvemento vital, tanto individual coma colectivo. Interesado polas instalacións tamén emprega outras disciplinas coma a escultura ou a fotografía. Ten participado en numerosas exposicións individuais e colectivas na Cidade da Cultura de Santiago, no Museo do Azulejo en Lisboa, no Museo Nacional de Cerámica en Valencia ou en feiras de arte contemporánea. A súa colección forma parte de prestixiosas coleccións de Galicia (CGAC, Abanca, Unión Fenosa, etc).

Horario
De martes a sábado de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas, mentres que os domingos permanecerá aberto ó público só en horario de mañá. O prezo da entrada é de 3 euros para os adultos ou 2 para os nenos, estudantes, pensionistas e grupos (cun mínimo de 10 persoas).

Exit mobile version