Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo acollerá a finais de outubro un curso do Centro Galego de Artesanía e Deseño para perfeccionar a volumetría en coiro

Santiago, 4 de setembro de 2014.- A Consellería de Economía e Industria, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, impulsa a oferta formativa para o sector artesán galego coa organización de seis cursos que se celebrarán entre os meses de setembro e outubro en diferentes localidades galegas. O coiro, o encaixe, o vidro, a plumería e os complementos de moda son as áreas nas que se centran estas actividades gratuítas, que poden solicitar os profesionais do sector artesanal galego a través da páxina web www.artesaniadegalicia.org.

As actividades comezan a semana do 8 ao 13 de setembro coa celebración en Gondomar do curso “Perfeccionamento de elaboración de contas de vidro con soprete”, impartido pola artesá Susana Pereira Armada, que continuará a actividade formativa desenvolvida durante o mes de abril deste mesmo ano.

Do 22 ao 27 de setembro o reputado deseñador belga Serkan Cura, especializado na técnica da plumería aplicada á alta costura, estará na Escola Mestre Mateo en Santiago de Compostela para impartir “Técnicas de plumería para moda”.

O día 8 de outubro impartirase en Santiago de Compostela o curso “Atención excelente ao cliente de xoiería” a cargo de Eloy Gesto e de oito horas de duración. O artesán Vidal Revilla, pola súa parte, levará a cabo no seu taller de Cervo o curso “Perfeccionamento da volumetría en coiro”, os días 18, 19, 25 e 26 de outubro.

Tamén nos meses de outubro e novembro terá lugar a actividade “Complementos de moda: usos, visións e experiencias” no que participarán destacados representantes do sector téxtil por separado, e de forma conxunta nunha mesa redonda que porá o broche final á actividade. Este curso, que se desenvolverá na sede da Fundación Luis Seoane da Coruña en datas aínda por confirmar, participarán os deseñadores de moda Nicolas Vaudelet e Asaad Awad, a empresa téxtil Peseta, así como Juan Gutiérrez e Lucina Llorente, conservador e responsable do Estudo dos Tecidos, respectivamente, no Museo do Traxe de Madrid.

Sumado a estas actividades, Neda acollerá o curso “Perfeccionamento de empeces e remates do encaixe”, do 15 ao 19 de setembro, a cargo da artesá Alicia Sevilla.

Con estes seis cursos de formación súmanse máis de 20 actividades formativas impulsadas pola Consellería neste ano 2014, entre os que destacaron o curso de centón impartido pola especialista xaponesa Reiko Kato ou o curso transversal The handcraft experience: O proceso creativo. Aplicación e desenvolvemento no mercado actual, desenvolvido na Coruña a cargo da deseñadora de moda Sara Coleman e a artesá especializada en cestería e téxtil Idoia Cuesta. O encaixe, o vidro e a sombreirería centraron outros tres cursos de formación especializada durante o primeiro semestre do ano.

Durante os meses de xuño e xullo, a Consellería colaborou co Colexio Oficial de Xoiería de Galicia na organización de cinco cursos de formación especializada dirixidos a incrementar a innovación nas empresas de xoiería e a mellorar a súa competitividade dentro do sector. As actividades centrábanse no impulso á comercialización a través das redes sociais e da mellora da atención ao cliente no punto de venda. A comezos de xullo, no marco do III Encontro de Artesanía Tradicional e Popular, Agolada converteuse nun espazo de diálogo entre artesanía, deseño, arquitectura e moda, de reflexión sobre o proceso creativo e de novas propostas sobre a interacción da artesanía no desenvolvemento do rural, grazas aos cinco cursos de formación promovidos pola Consellería, relacionados co ecodeseño, a paisaxe, o deseño, a sombreirería e o proceso creativo.

A organización destas actividades de impulso á formación e á colaboración entre artesanía e outras áreas de traballo forma parte da estratexia da Consellería de Economía e Industria para promover o talento do sector artesanal galego e consolidar un sector competitivo e transversal, un dos grandes retos do novo Plan de Artesanía de Galicia 2014-2016, presentado en abril deste ano.

Exit mobile version