Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo amplía o seu plan de bolsas formativas a titulados na Universidade asturiana

Cervo, 25 de setembro de 2014- O Concello de Cervo dá un paso máis no seu plan de fomento do emprego xuvenil, abrindo as portas tamén aos titulados que estudasen na Universidade asturiana. Para iso, o consistorio asinará nos próximos días un convenio coa Fundación Universidad de Oviedo que fará posible esta medida.

Desta maneira, ampliarase o número de mozos que poderán optar a unha bolsa formativa sen ter que deixar fóra a ningún titulado só polo feito de que estudase na Universidade asturiana. De feito, o Concello comprobou que existen cervenses que cursan os seus estudos superiores no Principado debido á súa proximidade, polo que decidiu dar cabida tamén aos titulados pola Universidade de Oviedo.

Cabe destacar que o Concello comezou no 2013 a ofrecer bolsas formativas á xuventude a través dun convenio con FEUGA (Fundación Empresa-Universidade Galega), e dende entón xa participaron 27 mozos e mozas. Nese caso poden acceder aqueles titulados que estudasen ciclos de FP ou graos universitarios en calquera centro de Galicia.

Detalles
O funcionamento desta nova opción será semellante ao das bolsas con titulados en centros galegos, aínda que no caso asturiano só poderán participar aqueles que teñan formación universitaria. O Concello financiará o importe íntegro da bolsa, de forma que os estudantes farán prácticas nos servizos municipais. En canto á remuneración, será a mesma que nos casos dos titulados en Galicia.

“O obxectivo é que toda a mocidade con estudos e formación poida obter unha bolsa e facer as súas primeiras prácticas profesionais, dándolles unha oportunidade para que obteñan experiencia laboral e despois accedan con máis facilidade ao mercado de traballo” explica a edil de Emprego, Yolanda Pedreira. A edil considera que esta medida “virá a mellorar e completar esta iniciativa de fomento do emprego xuvenil”. Tamén cabe resaltar que Cervo é a primeira entidade galega que asina un convenio deste tipo coa Fundación Universidade de Oviedo.

Exit mobile version