Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo presenta as Escolas Deportivas Municipais que comezarán a semana que vén con 13 actividades

escolas-cervoCervo, 19 de setembro de 2014- O Concello celebrou este venres unha reunión para presentar a temporada 2014-2015 das Escolas Deportivas Municipais aos alumnos. Unha xuntanza que se celebra todos os anos uns días antes do comezo para explicar o funcionamento das Escolas, dar detalles sobre as actividades, resolver todas as posibles dúbidas que se presenten ou escoitar as suxestións. Un acto no que estivo presente o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, o edil de Deportes, Luis Guillén, e a representante de IG10, María Gómez.

Do mesmo xeito, informouse de que a semana que vén arrincan as clases, ás que cada alumno deberá asistir os días e os horarios establecidos para a actividade na que se inscribiu. Do mesmo xeito, as Escolas seguen abertas, polo que calquera persoa que estea interesada poderá apuntarse ao longo do curso, sempre que queden prazas libres na actividade que elixa.

Polo momento xa hai unhas 130 persoas inscritas, pero agárdase chegar aos 200 alumnos atendendo á dinámica de temporadas pasadas, nas que incluso se chegaron a superar eses datos.

Este ano o Concello ofrece 13 actividades para diferentes públicos, de forma que hai disciplinas específicas para infantís, xuvenís e adultos. “O noso obxectivo é que todos os veciños practiquen deporte e poidan atopar, como mínimo, unha actividade que sexa do seu interese” explica o edil, Luis Guillén, que lembra que “todos os anos tentamos renovar a oferta, ofrecendo actividades novas e perfeccionando as tradicionais”.

As actividades que se ofrecen neste curso son: pequexogos, baloncesto, fútbol sala, ludoarte, patinaxe artística, deportes de raqueta, multideporte e pádel para os nenos e nenas; aeróbic/zumba e skate/BMX para a mocidade; e ximnasia de mantemento, aeróbic e pilates para os adultos.

Exit mobile version