Este programa inclúe un contrato para a formación e a aprendizaxe, que o alumnado asinou ao remate da presentación, e que no caso de Cervo realízase no sector forestal, en concreto en actividades auxiliares en conservación e mellora de montes. Unha acción a través da cal o alumnado obtén cualificación profesional combinada con traballo efectivo remunerado.
Este proxecto é posible a través da colaboración entre administracións, xa que o financiamento corre a cargo do Concello, que achega o 52%, a Xunta (30%) e o Estado (18%).
Cabe destacar que o de Cervo é o primeiro concello da provincia en comezar con este programa de formación e emprego, dirixido á mocidade menor de 30 anos, e que ao remate poderá obter o certificado de profesionalidade. “Este proxecto está pensado e deseñado para que a nosa xuventude poida ampliar as súas posibilidades para atopar emprego, e dispoñer dun certificado de profesionalidade axudará sen dúbida neste obxectivo”, asegura o alcalde de Cervo.
Pola súa banda a delegada territorial subliñou as vantaxes da formación dual xa que “os beneficiarios subscriben dende o primeiro minuto un contrato de traballo, reciben unha formación que lles permite adquirir competencias profesionais que aumenten a súa empregabilidade, e obteñen un certificado de profesionalidade ou un título de formación profesional, segundo o caso, coa garantía de calidade que este tipo de formación leva implícita”.
Arias engadiu que “o proxecto que hoxe presentamos súmase, pois, ás políticas activas de emprego da Xunta de Galicia, e especificamente ás liñas de acción orientadas a loitar contra o desemprego xuvenil”. Por exemplo, neste sentido indicou que a Xunta “multiplica case por seis a oferta da Deputación en acción formativas destinadas a persoas desempregadas na provincia de Lugo”.
Centrándonos no municipio de Cervo, cabe destacar que a Xunta leva investido dende o 2009 en formación para o emprego máis de 2 millóns de euros, financiando 4 obradoiros de emprego e 29 cursos AFD para desempregados.