Site icon Crónica3.com A Mariña

Comezan as obras do saneamento dos novos vestiarios do campo de herba artificial da Marosa

obras-marosaBurela, 29 de setembro de 2014. Este luns deron comezo as obras de construción do saneamento do que serán os novos vestiarios do campo de fútbol de herba artificial da Marosa. O alcalde, José María González Barcia, xunto coa concelleira de Deportes, Beatriz Piñeiro, e o de Obras, Manuel Fernández Valle, estiveron presentes nos primeiros traballos que se realizan para dotar de saneamento aos novos vestiarios.

As obras contan cun presuposto 22.000 euros, e confíase en que estean rematadas en tres semanas. Sería a partires de ese momento cando o Concello podería abordar a construción dos vestiarios. “Desta actuación de saneamento informamos o pasado sábado ás directivas da AFD Porto de Burela e SD Burela”, afirmou González Barcia.

Beatriz Piñeiro, a concelleira de Deportes, manifestou que “desde o goberno municipal queremos que o complexo de A Marosa sexa dos mellores da comarca, e para iso hai que facer as cousas con sentido común. Non podíamos facer os vestiarios sen antes garantir o saneamento, dada a situación que terán”.

O responsable de Obras, Manuel Fernández Valle, indicou que “as obras consisten basicamente en colocar un punto de bombeo, ao que irán parar as augas residuais dos vestiarios, que derivará estas á rede xeral do concello. Tendo en conta que os vestiarios quedan por debaixo da cota da estrada Burela-San Cibrao, é preciso ese bombeo, e tamén foi preciso solicitarlle permiso á Deputación Provincial para atravesar a estrada, que é da súa propiedade”.

Por último, José María González Barcia manifestou que “ninguén pode negar o noso compromiso co deporte, pois aínda en momentos de dificultade económica nos comprometemos con novos servizos no complexo deportivo da Marosa, e como se pode comprobar estamos cumprindo. E nas vindeiras semanas haberá máis noticias positivas para o deporte en xeral e para o recinto da Marosa en particular”.

Exit mobile version