Site icon Crónica3.com A Mariña

Cursos de memoria en Rúa, Trasbar, San Román, Cervo e San Cibrao ampliando tamén a Castelo

Cervo, 22 de setembro de 2014- O Concello abre este luns o prazo de inscrición para os cursos de memoria que comezarán o 13 de outubro en Rúa, Trasbar, San Román, Cervo e San Ciprián. Pero ademais, o departamento de Servizos Sociais quere seguir estendendo esta actividade polas distintas parroquias polo que este ano ademais ofrecerase en Castelo. Da mesma maneira, o Concello mantén aberta a inscrición a outros puntos do municipio onde haxa un local para impartir as clases e un determinado grupo de persoas.

O ano pasado participaran nos cursos de memoria unhas 40 persoas que dende outubro a xuño realizaron numerosos exercicios para manter activa a súa mente mentres comparten o seu tempo con outras persoas. Unha actividade que, polo tanto, combina a función cognitiva coa social.

“Todos os anos apostamos por esta actividade porque sabemos que resulta moi útil, que o alumnado está contento e, ademais, que sempre a demanda” asegura a edil de Servizos Sociais, Pilar Armada. De feito, a maior parte dos alumnos acoden todos os anos, e semanas antes do inicio do novo curso xa anuncian a súa intención de volver.

“Para nós é moi importante que esta actividade se imparta por todo o concello, porque desta maneira estaremos conseguindo o noso obxectivo de promover un envellecemento activo, e que todas as persoas estimulen a súa memoria e a súa mente”, remata Armada.

Exit mobile version