Site icon Crónica3.com A Mariña

Emigrantes Retornados mobilízanse este xoves en Foz simultáneamento con outras 17 plataformas comarcais

A Mariña, 29 de setembro de 2014. O colectivo de emigrantes retornados da Mariña retoma as súas mobilización cunha concentración diante da oficina de facenda en Foz simultaneamente con outras 17 plataformas comarcais galegas. Os colectivos de emigrantes retornados volven denunciar o envío de cartas sancionadoras aos emigrantes a pesar da vitoria da mobilización social que levou ao acordo do consello de ministros do 1 de agosto no que se anunciou a apertura dun período de regularización e o fin do cobro de sancións e intereses mesmo con efecto retroactivo para aqueles que xa pagaron aos que se lles devolverán as cantidades abonadas.

As e os emigrantes seguen reclamando a modificación da lei 35/2006 para acabar coa inxusta discriminación das cotizacións de facenda en función da existencia de un ou mais pagadores, algo que tamén afecta ás persoas en activo xa que o feito de ter traballado no ano fiscal en varios empregos resulta discriminatorio para o contribuínte.

Ademais piden o cese da persecución de facenda e o trato como defraudadores, “as e os emigrantes non somos defraudadores, foi a propia facenda quen nos recomendou non declarar os pequenos ingresos procedentes do estranxeiro e agora reclama todo dun golpe para facer caixa á nosa conta”. “Éramos nós quen a mediados do século pasado enviabamos divisas que axudaron economicamente ao pais e agora temos que soportar este trato no canto de disfrutar da nosa merecida xubilación,” afirmaron.

Acusan ao ministro Montoro de non cumprir nin os acordos do consello de ministros xa que a pesar do acordo do 1 de agosto pasado centos de emigrantes seguen recibindo reclamacións de intereses e sancións que segundo ese acordo foron paralizados, tamén con efectos retroactivos. “Queren os nosos aforros aínda que despois podamos reclamar a súa devolución e por aí non imos pasar, como tampouco imos aceptar que se trate de converter en fondos de pensión privados o que eran cotizacións públicas tal como interpretaron xa varias sentenzas xudiciais que o ministro Montoro non quere respectar”, remataron.

Exit mobile version