Site icon Crónica3.com A Mariña

En marcha en Burela o programa Axilmente, un obradoiro de ximnasia mental dirixido a maiores de 65 anos

Burela, 19 de setembro de 2014. A Concellería de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade pon en marcha o programa AxilMente dirixido a persoas maiores de 65 anos, residente en Burela e con preferencia para os/as empadroados/as neste concello.

Diana Durán indica que “se trata dun obradoiro de promoción da autonomía persoal, de carácter gratuíto, baseado na estimulación cognitiva e na prevención da dependencia, no que se pretenden traballar as variables que determinan o envellecemento exitoso, de forma que incidindo nelas, as persoas maiores adquiran as ferramentas necesarias para mellorar a súa calidade de vida, ser autónomas nas actividades da vida diaria e incorporar unha serie de hábitos de auto coidado, tanto no ámbito sanitario como no cognitivo”.

A edil popular engade que “este obradoiro, de ximnasia mental, busca o tratamento da persoa maior como un todo no que se traballan as distintas áreas que son necesarias para manterse autónomo/a o maior tempo posible e diminuír os factores de risco de padecer certas enfermidades, sobre todo, o alzheimer o outras enfermidades neurodexenerativas”.

A concelleira de Servizos Sociais engade que “a intervención con maiores convértese non só nun obxectivo social, senón nunha inversión de futuro. O fin último é previr a dependencia e afrontar o envellecemento dende unha actitude positiva e aberta”.

O obradoiro, que dará comezo o 6 de outubro, desenvolverase en dúas quendas: luns e mércores, e martes e xoves, en horario de 17 a 18:30 horas na Casa da Terceira Idade de Burela. A duración será de 8 meses.
As persoas interesadas en acudir deben inscribirse no Concello do 24 de setembro ao 2 de outubro en horario de oito da mañá a tres da tarde. Para anotarse debe presentar o seu DNI.

Exit mobile version