Site icon Crónica3.com A Mariña

Esgotadas en tempo récord as prazas do curso da Deputación para facer produtos reestruturados do peixe

viveiro-arquivoEsgotadas as prazas do curso Desenvolvemento de novos produtos pesqueiros, financiado por completo pola Deputación de Lugo dentro dun convenio de colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela que contou cunha achega provincial de 30.000 euros. As 30 prazas previstas para o curso, 15 para Viveiro e outras 15 para Burela, esgotáronse ás poucas horas de abrirse o prazo de inscrición e, polo momento, xa hai lista de espera. No curso, que espertou un gran interese entre os profesionais do sector do mar, participarán tamén persoas de Nigrán, Santiago de Compostela e Corrubedo, que viron nesta actividade unha gran oportunidade para reinventarse e buscar alternativas de futuro.

Foi tal a repercusión do curso no sector que incluso un viveirense residente en Ibiza se sumou á iniciativa coa que 30 persoas, a maioría relacionadas co sector do mar, aprenderán a crear novos produtos derivados do bonito do norte e da merluza a través dunha técnica nunca antes vista, nacida grazas á colaboración do organismo provincial coa USC. Con esta iniciativa, a Deputación aposta pola investigación para crear emprego, xerar riqueza e fixar poboación, impulsando ademais o desenvolvemento de sectores punteiros como é o do mar que, no que vai de ano, xerou coas vendas de bonito do norte e merluza ó redor 57 millóns de euros.

Programación do curso
O curso celebrarase nos Portos de Burela e Celeiro durante o vindeiro mes de outubro. Este obradoiro celebrarase en varias xornadas diferentes; a primeira no Porto de Celeiro, do 30 de setembro ó 3 de outubro, e a segunda na sede da Asociación de Armadores de Burela- ABSA-, do 7 ó 10 de outubro, en horario de 16:00 horas a 20:00 horas. No obradoiro, completamente gratuíto para os participantes, hai programadas sesións teóricas e prácticas nas que se tratarán temas como a preparación de produtos reestruturados de merluza e bonito e as súas características; a manipulación de alimentos; a composición química do peixe ou os aditivos empregados no proceso tecnolóxico de reestruturación do peixe. O venres 3 en Viveiro e o 10 de setembro en Burela hai programada unha cata, coa que veciños e visitantes poderán degustar este produto, completamente novidoso no eido da alimentación.

Exit mobile version