Site icon Crónica3.com A Mariña

Exhibicións de monta western, doma natural e probas de andadura o sábado 11 no polígono de Cuíña

Cervo, 30 de setembro de 2014- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, o edil de Zona Rural, José Ramón Soto, o presidente de Cabaleiros do Xunco, Julián Otero e máis compoñentes desta entidade presentaron o cartel e o programa da I Exhibición de Cabalos que terá lugar o sábado día 11 de outubro no polígono de Cuíña.

Ás 11.00 horas arrincará a primeira exhibición, a de reining, unha das disciplinas da monta western nas que se inclúen unha serie de manobras e de piruetas coas que se demostran as habilidades do cabalo. Neste caso Irvin, que chega dende O Vicedo aínda que é de procedencia belga, será o encargado de realizala.

A partir das 12.00 horas será o momento da exhibición na modalidade de doma natural a cargo de Kay, alemán de nacemento pero que chega dende Córdoba para ofrecer esta demostración. Neste estilo atópanse o xinete e o cabalo sos no terreo, de forma que non se utiliza ningún elemento para a doma máis alá do entendemento e a comunicación entre ambos.

Xa pola tarde, a partir das 16.30 horas darán comezo as probas de andadura galega en diferentes categorías. Así, por unha banda haberá probas para trotóns e cruzados nas que cada cabalo e o seu xinete completarán un percorrido no menor tempo posible. Por outra banda tamén haberá carreiras por parellas, de forma que neste caso non se cronometrará o tempo, senón que gañará o que chegue antes á meta. Neste caso tamén haberá probas para trotóns e para cruzados. En total repartiranse 1.100 euros en premios.

O Concello de Cervo colabora con esta actividade como “unha iniciativa novidosa e moi atractiva, na que por primeira vez poderemos ver en directo disciplinas espectaculares que ben seguro terán moitos seguidores”, explica Soto, que ao mesmo tempo destaca que “dende o Concello apoiamos a Cabaleiros do Xunco, ao igual que a todas as asociacións do municipio, non só nesta ocasión senón tamén noutras citas como é o caso da Ruta do Poldro ou da Feira do Gando”, remata o edil.

Exit mobile version