Site icon Crónica3.com A Mariña

Feijóo, un presidente leal coa Mariña lucense

A reactivación das obras do corredor, no treito que unirá as localidades de Celeiro e San Ciprián, ao seu paso polo municipio de Xove, supón outra das novas máis esperanzadoras e esperadas dos últimos anos, así como un paso fundamental para corrixir as carencias en materia de infraestruturas na zona occidental da nosa comarca, probablemente a que maior incidencia de vehículos pesados ten, pola actividade da multinacional Alcoa e dos portos de Celeiro e Burela.

Son obras en plena efervescencia. Que calquera pode comprobar e que sufriron contratempos como consecuencia da falta de recursos e as complicacións técnicas dun trazado que tivo que ser modificado. Con todo, un Goberno popular adxudicou a obra, iniciou as ambiciosas operacións de desmonte, tempo atrás, e será quen de rematalas, conforme aos prazos previstos e dun xeito continuado. Falamos de 54 millóns de euros chamados a converterse no investimento máis relevante desta segunda lexislatura autonómica popular, como a remodelación do porto comercial de Mirasol, a retención da actividade de ENCE, ou a dotación da segunda tripulación ao helicóptero de salvamento marítimo concentraron as accións máis custosas do pasado mandato.

Podemos discutir tempos, ritmos e velocidades, pero nunca poderemos negarlle ao Presidente Feijóo a capacidade de facer realidade en tempos de crise e dificultade o que outros non foron quen de conseguir en tempos de bonanza. O compromiso cos cidadáns demóstranse con feitos. E feitos son as obras do corredor, a redacción do Plan director para a ampliación do Hospital, a execución do gasoduto, a inminente posta en marcha das obras de acceso ao porto de Burela ou o plan de protección das Catedrais, a nosa xoia turística por excelencia.

Hai quen afirma que o PP móvese só por calculados intereses electorais. Certamente os cidadáns déronnos unha confianza como nunca, tinguindo de azul todos os concellos da comarca, nos últimos comicios autonómicos, nacionais e europeos. Isto obriga e moito, e non podemos defraudala. Pero a aposta pola Mariña lucense non entende de calendarios electorais ata o punto de que foi moito máis relevante o traballo silencioso, calado, o esforzo de impulsar administrativamente estes proxectos ao longo dos últimos anos, que o feito de que hoxe falemos de iniciativas, de obras, en plena actividade.

Traballamos, sen negar a realidade da crise e a súa incidencia na menor dispoñibilidade de diñeiro en familias e administracións. Fomos quen de saber converter este reto nunha oportunidade, e seguir impulsando proxectos estratéxicos que contribuirán á mellorar as nosas comunicacións, os nosos servizos públicos, a promover iniciativas dirixidas cara a recuperación e á xeración de emprego.

As obras fanse a pico e pala. Así, namentres uns lle daban ao pico, pero ao de falar, outros, coma Feijóo, collían a pala e puxéronse a remover obstáculos para que os proxectos da Xunta na Mariña sexan unha realidade. Nós estamos do lado do Presidente da Xunta. Ao carón dos que teñen iniciativas para poñer en marcha o tren da prosperidade e do desenvolvemento na nosa comarca. Apoiamos a aqueles que, como o Presidente Feijóo, cren na Mariña lucense e o demostran con lealdade, transformando as súas palabras e os seus compromisos en feitos.

Jose Manuel Balseiro Orol, Secretario do Parlamento de Galicia.

Exit mobile version