Site icon Crónica3.com A Mariña

Foz presentará o seu Centro Comercial Aberto o venres 10 de outubro sorteando 1.500 euros en premios

Foz, 19 de setembro de 2014. A Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Foz presenta a seu Centro Comercial Aberto o vindeiro 10 de outubro. Ao acto asistirá a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez; o presidente da Federación de Comercio de Galicia, José Mª Seijas; o alcalde, Javier Castiñeira; representantes da Deputación Provincial de Lugo e outras autoridades.

O anuncio fíxoo público o presidente da ACIA, José Carlos Paleo, quen aclarou que esta xornada inaugural contará cun amplo programa repleto de promocións e actos lúdicos. En total vanse sortear 1.500 euros en vales de compra para reinvestir nos establecementos participantes na campaña que se desenvolverá ao longo de todo o día 10 de outubro.

Dende a directiva local da Asociación de Comerciantes recoñecen sentirse “satisfeitos coa posta en marcha do Centro Comercial Aberto e polo inicio dunha nova andaina en prol do comercio local”. José Carlos Paleo, o seu responsable, contou que “foi un asunto abordado pola directiva da asociación no encontro que mantivemos esta semana. Nesta reunión tamén se analizaron algunhas das actividades que se levarán a cabo no mes de novembro e nas que estamos a traballar”.

Exit mobile version