Site icon Crónica3.com A Mariña

González Barcia afirma que o Concello xa solicitou ao catastro a modificación tributaria das fincas que quedan como rústicas no PXOM

Burela, 19 de setembro de 2014. O alcalde de Burela, o popular José María González Barcia, reuniuse este venres coas directivas da asociación de veciños O Vencello e a comunidade de montes en man común, para tratar distintos asuntos da vida municipal, especialmente aqueles vinculados coa baixada de impostos e coa modificación tributaria de certas fincas a raíz da aprobación do Plano Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

Na reunión, que o rexedor cualificou como “positiva e cordial”, Barcia explicou con detalle a baixada de impostos, que fundamentalmente afectará ao IBI (contribución urbana) e imposto sobre plusvalías: “por primeira vez o tipo impositivo será o mínimo permitido pola lei, o 0’40%, o que pode supoñer un aforro para os contribuíntes de aproximadamente 120.000 euros e ademais estamos analizando as vantaxes e inconvenientes de solicitar unha actualización dos valores catastrais; en principio, a revisión dos mesmos apunta a que sería á baixa, pero un asunto de tal calado hai que estudalo moi a fondo”.

González Barcia tamén manifestou que o Concello xa lle solicitou á Xerencia Provincial do Catastro a modificación do tipo impositivo a aplicar ás fincas que pasan a solo rústico no PXOM, que a partires do día un de xaneiro tributarán como o que son, rústicas. Igualmente tributarán como rústicas as fincas incluídas dentro de bolsas de solo urbanizable non urbano que se deberán desenvolver a través de plans parciais. “Isto é unha vantaxe para o propietario, xa que tributará polos dereitos urbanísticos marcados no PXOM para a parcela en cuestión: se é rústica, será rústica a todos os efectos”, afirmou o alcalde.

No referido ás plusvalías, o rexedor reiterou que a ordenanza quedará eliminada. No tocante ás taxas por bados permanentes, cemiterio, auga, lixo, terrazas, licencias de apertura e imposto de vehículos, estas baixarán un 0’5%. González Barcia lembrou que “estas mesmas taxas subiron en 2009 un 4’5% co bipartito, e nunca na historia se baixaran estes tipos impositivos. Baixar un 0’5% non é gran cousa, pero estou seguro de que os veciños o recoñecerán”.

Noutro orde de cousas, o alcalde burelés explicoulles ás directivas dos colectivos que están a preparar un proxecto de rexeneración de camiños, para o que contarán cunha subvención da Xunta. Barcia pediulles que lle suxiran qué camiños arranxar, dentro dos que o Concello baralla como posibles.
Igualmente, informounos de todas e cada unha das actuacións que están a levar a cabo, e destacou o inicio das obras da gardería: “no noso programa electoral ía baixar os impostos e facer unha nova escola infantil, e nos dous casos cumprimos”, dixo José Mª González Barcia.

Tamén lles comunicou aos asistentes que a vindeira semana comeza a levarse a cabo un plan de recuperación de beirarrúas, que terá continuidade en 2015.

Finalmente, o alcalde reiterou o mantemento dos servizos que presta o Concello: “non houbo ningunha merma nin nos servizos educativos nin nos servizos sociais: mantemos comedores e actividades de tarde nos colexios, e en servizos sociais estamos mantendo todo o que se viña facendo, e mesmo incrementando os mesmos”.

Exit mobile version