Site icon Crónica3.com A Mariña

González Barcia comunica a Catastro a intención do Concello de revisar os valores catastrais de Burela

Burela, 27 de setembro de 2014. O goberno municipal do Concello de Burela remitiu este venres, día 26, un escrito á Xerencia Provincial do Catastro para trasladarlle que o “Concello de Burela ten intención de levar a cabo unha revisión dos valores catastrais dos inmobles, solares e fincas do noso termo municipal, coa intención de adecuar os indicados valores á realidade económica actual”.

No escrito, asinado polo alcalde, José María González Barcia, solicitase “información sobre o procedemento a seguir por este Concello para levar a cabo a solicitude oficial, e polo procedemento a seguir, por parte da Xerencia Provincial e deste Concello, e prazos de realización, logo de ter presentada formalmente a petición”.

No mencionado escrito, tamén se fai constancia de que desde o Concello “como primeira medida, tense remitido a esa Xerencia Provincial o documento do PXOM aprobado definitivamente o 31 de marzo do presente ano, para a adecuación do solo de natureza rústica”.

O alcalde, José María González Barcia, manifestou que “o goberno municipal adoptou recentemente a decisión de solicitarlle á Xerencia Provincial do Catastro unha revisión dos valores catastrais, dado que os prezos de mercado son agora sensiblemente inferiores aos que había cando se fixaron os valores que agora están vixentes. O que acontece é que, antes de dar o paso definitivo, temos que ter toda a información posible para tentar de non cometer ningún erro”.

Barcia asegurou que “este asunto foi tratado nunha reunión mantida por min mesmo coas directivas da asociación de veciños O Vencello e da Comunidade de Montes, e mesmo no pleno do pasado xoves eu dixen que tíñamos este tema riba da mesa. Tanto é así, que nas vindeiras semanas manterei outra reunión con eles para explicar os pasos que imos dar de agora en diante”.

“Polo tanto o PSOE chega unha vez máis tarde con ese anuncio de solicitude dun pleno para tratar este asunto. Desde a alcaldía xa dimos o primeiro paso, mesmo antes de que eles fixeran o primeiro anuncio, o que demostra que mentres uns dormen e gozan da vida, outros dedicamos moito tempo a preocuparnos polo que realmente lles importa ós veciños”, engadiu o alcalde burelés.

Finalmente, González Barcia manifestou que “o goberno municipal actuou, actúa e actuará sempre con coherencia, para salvagardar os intereses xerais tentando tamén atender os intereses lexítimos das persoas. Outros só buscan o oportunismo barato resultante de saír na prensa falando de grandes anuncios que logo non se traducen en feitos concretos”.

Exit mobile version