Site icon Crónica3.com A Mariña

González Barcia presenta o proxecto dos novos vestiarios do campo de herba artificial da Marosa

marosaBurela, 27 de setembro de 2014. O alcalde de Burela, José Mª González Barcia, xunto cos membros do seu equipo de goberno, presentoulles este sábado aos membros das directivas da SD Burela e AFD Porto de Burela o proxecto construtivo dos novos vestiarios do campo de herba artificial do complexo deportivo de A Marosa.

Deste xeito, explicou Barcia, “o recinto deportivo de A Marosa pasará a ser un dos máis completos xa non da Mariña senón da provincia de Lugo”.

O rexedor manifestou que “se van construír vestiarios para dous equipos, con locais complementarios como almacén, aseos, aseo adaptado a discapacitados, etc. En total, unha superficie construída de 156 m2, e unha superficie útil de 118’12m2. A edificación será dunha planta e a unha auga, e o seu importe total é de 103.378 euros”.

O alcalde burelés sinalou que “por cuestións económicas, a obra farase en dúas fases diferenciadas administrativamente entre si. A primeira fase, que se comezará a construír este mesmo ano terá unha superficie total de 92’32m2 e unha superficie útil de 71’13 m2, e un presuposto de 49.956 euros”.

“O proxecto construtivo será aprobado durante a vindeira semana, e durante o mes de outubro procederase á súa licitación”, informou González Barcia, quen engadiu que “nos gustaría que a finais de ano puidera estar esta primeira fase concluída e utilizable, pero non o vemos doado”.

No que se refire á segunda fase, “nos presupostos municipais para 2015 habilitarase unha partida presupostaria a tal efecto, sendo a previsión do goberno local licitala durante o mes de xaneiro”, indicou o alcalde burelés.

José Mª González Barcia afirmou que “no seu día adoptamos un compromiso para mellorar as condicións da práctica deportiva dos cento oitenta rapaces que están inscritos na AFD Porto de Burela, pero tamén da propia SD Burela e outras persoas que usan estas instalacións, e a día de hoxe podemos dicir que cumprimos o noso compromiso”.

Finalmente, o alcalde, que mostrou “o noso máis sincero recoñecemento ao traballo das xuntas directivas e membros da AFD Burela e SD Burela”, anunciou que “nas próximas semanas tamén se levarán a cabo outras actuacións de mellora de determinadas estruturas do complexo deportivo de A Marosa; igualmente, garantimos que para o vindeiro ano tamén haberá subvencións para as entidades deportivas, como as houbo en 2013 e no presente 2014”.

Exit mobile version