Site icon Crónica3.com A Mariña

Información ás interesadas en solicitar subvencións de apoio ó emprendemento en Burela

Burela, 3 de setembro de 2014. O Concello de Burela ofrece información a todas as veciñas interesadas en acollerse ás subvencións de Apoio ao Emprendemento Feminino, ofertadas a través do Programa EMEGA 2014, dependente da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia. Estas axudas van dirixidas a empresas ou proxectos empresariais integrados por mulleres emprendedoras que teñan o seu domicilio fiscal en Galicia e están divididas en cinco grandes liñas de apoio. A súa solicitude poderá ser tramitada ata o vindeiro 12 de setembro, por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible no enderezo electrónico da sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es. Ademais poderán atopar toda a información que precisen no seguinte enlace http://igualdade.xunta.es/gl/axudas/subvencions-para-o-apoio-ao-emprendemento-feminino-programa-emega-1.

As interesadas poden achegarse xa ás oficinas municipais dos Servizos Sociais de Burela para solicitar información sobre os trámites a seguir para a presentación da documentación requerida.

A concelleira de Servizos Sociais no Concello de Burela, Diana Durán, lembrou que “estas axudas están actualmente en prazo de presentación de solicitude e dende o Concello, prestamos axuda a tódalas interesadas para que se poidan informar sobre os trámites que teñen que levar a cabo e a documentación que deben entregar”. Dende o Concello explican que o Plan EMEGA se divide en cinco liñas de actuación: a Liña Emprende, que facilita axudas mediante primas para estimular a posta en marcha de iniciativas empresariais por mulleres por conta allea ou propia; a Liña Innova para promover avances referidos á competitividade empresarial; a Liña Activa para a renovación, ampliación ou cambio de localización do negocio; a Liña ITEF para fomentar a investigación tecnolóxica en empresas dirixidas por mulleres; e a Liña Concilia para permitir a correcta conciliación entre vida laboral e vida familiar.

O Plan EMEGA encádrase no marco do VI Plan Galego para a Igualdade entre Mulleres e Homes – Estratexia 2013-2015, aprobado pola Xunta o 14 de febreiro de 2013. Con el preténdese estimular a actividade de mulleres emprendedoras e materializar as súas ideas empresariais a través dunha serie de axudas económicas.

Exit mobile version