Site icon Crónica3.com A Mariña

Lara Méndez: “O Alcalde é o único culpable de que Foz non reciba máis investimentos da Deputación”

A Deputación de Lugo leva investidos máis de 650.000 euros na dotación e mellora de infraestruturas e servizos no Concello de Foz soamente nos tres últimos anos de goberno de Gómez Besteiro, e o “único culpable de que os focenses non reciban máis cartos do organismo provincial é o Alcalde”, subliñou a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez.

Méndez explicou que o rexedor perdeu preto de 112.000 euros ó rexeitar, entre outros, dous plans para aforrar na factura da luz das instalacións municipais, co que recibiría 35.000 euros e acadaría un aforro duns 8.300 euros ó ano; os servizos tecnolóxicos do programa Innova-TE, que tumbou cando xa tiña en marcha, privando ós focenses dunha praza wifi de acceso libre e gratuíto a Internet e dun investimento duns 40.000 euros; e unha axuda de 35.000 euros para redactar o proxecto da residencia de maiores.

No caso dos proxectos para aforrar na factura eléctrica, “a situación é moito máis grave, pois o Alcalde preferiu pagar por participar nun programa da Xunta antes que sumarse á iniciativa da Deputación, que, ademais de ser totalmente gratuíta, é moito máis completa”, afirmou a Vicepresidenta.

“Bota balóns fóra ante a súa falta de xestión”
Deste xeito, Lara Méndez instou ó Alcalde a “deixar de botar balóns fóra para tratar de xustificar a súa falta de xestión e a dos Gobernos de Feijóo e Rajoy, pois os froitos do traballo da Deputación están á vista de todos os veciños de Foz”. A Deputada destacou neste senso actuacións como o acondicionamento do campo de fútbol e Malates, da área recreativa, pistas e arranxo do chan na capela de Vilaxoane; mellora da pista de tenis; melloras nos núcleos de Anafreita, Chousa de Bieito en San Cibrao, Mansín, Ribela e Lousada, no local social de Nois e na antiga escola de Fazouro; e pavimentación e servizos en Marzán. Ademais, a Deputación ocúpase do mantemento e roza dos máis de 37 quilómetros de estrada provinciais que discorren por Foz, cun investimento duns 154.000 euros dende o 2011.

Logo de que o Presidente da Xunta “decidise dun día para outro non pagar máis o servizo de axuda no fogar”, engadiu Méndez, a Deputación garantiu esta prestación social en Foz cunha achega de 13.200 euros entre 2011 e 2013, ademais de cofinanciar nun 50% a teleasistencia domiciliaria despois de que o Goberno de Rajoy reducise a cero a achega estatal.

O organismo provincial impulsa así mesmo a economía local outorgando axudas á confraría de pescadores (9.000 euros dende o 2011), a Festa do Berberecho (9.000 euros) ou as Xornadas da Natureza (2.000 euros).

Abandono da Xunta
Fronte a este compromiso “real e visible” da Deputación, a Xunta, afirmou Lara Méndez, “mantén nun total e absoluto abandono á comarca da Mariña, e ó Concello de Foz en particular, pois non foi capaz de impulsar investimento algún para o municipio, máis alá de que, como agora se achegan as eleccións, levasen dúas máquinas para facer que empezaron as obras da residencia da terceira idade”. A Vicepresidenta cuestionou así mesmo a eficacia dos dous dragados da ría acometidos pola Xunta, “pois segue habendo moitos problemas e, por riba, suprimíronlle ós usuarios do porto a bonificación de tarifa por baixo calado”.

“Se ó Alcalde lle importase realmente o benestar e o futuro de Foz, non rexeitaría investimentos da Deputación por sistema, preocuparíase por manter os recursos turísticos e a boa imaxe da localidade, que está a perder pola súa inacción, e e esixiría ós Gobernos de Feijóo e Rajoy as infraestruturas que historicamente lle adebedan ós focenses e ós mariñanos, como a Vía de Alta Capacidade, a ampliación do hospital da Costa ou a reparación do firme da Nacional 634, que se encontra intransitable”.

Exit mobile version