Site icon Crónica3.com A Mariña

Martínez-Sierra aclara que a restauración do Pazo de Tovar e o Centro de Interpretación son dous proxectos distintos, executados por diferentes organismos

Lourenzá, 20 de setembro de 2014.- O exalcalde de Lourenzá e deputado autonómico, Vidal Martínez-Sierra quixo saír ao paso da polémica xerada en torno á rehabilitación do Pazo de Tovar e, tras defender a limpeza de todos os pasos dados baixo ou seu mandato, non dubidou en lamentar a instrumentalización política que desta cuestión están a facer os partidos da oposición, sen importarlles -así o asegurou- o dano que provocan á imaxe dunha das principais xoias culturais, patrimoniais e turísticas do concello.

Martínez-Sierra quixo aclarar, en primeiro lugar, para evitar confusións interesadas, que a restauración do Pazo e a creación e apertura do centro de interpretación, son dous proxectos distintos, executados por diferentes organismos, aínda que ambos destinados a poñer en valor este espazo. Con todo, a intención de mesturalos, tan só busca confundir á cidadanía, sobre un proceso complexo no que en todo momento se buscou o máximo interese público.

ANTECEDENTES
O exalcalde fixo un repaso dende os primeiros intentos de restaurar o Pazo,levados a cabo en tempos de D. Manuel Fraga como Ministro de Información e Turismo, para crear un Parador de Turismo, ata a actualidade en que o Pazo cambia de propietario, e este, pon a disposición do Concello o edificio para sua recuperación.

Explicou así mesmo as tres iniciativas emprendidas dende a Alcaldía:
-Restauración do Pazo
-Proxecto de Investigación ( I+D) liderado por Padre Sarmiento
-Creación Centro de Interpretación dos Pazos

PROXECTO DE RESTAURACIÓN
Martínez-Sierra explicou que tras un período inicial que arranca no ano 2006 e no que os nacionalistas -daquela responsables da área autonómica de Patrimonio Cultural- acollen con certo interés esta iniciativa, pasamos a un periodo de apropiación de ideas, para finalmente deixalo caer no limbo do esquecemento, e como, grazas ao cambio de goberno da Xunta de Galicia,esta iniciativa colleu novos folgos , co apoio decidido do novo presidente da Xunta, materializandose dende a D.X. de Patrimonio con fondos Europeos.

PROXECTO DE INVESTIGACIÓN
De xeito paralelo á restauración, o Concello impulsou un proxecto de Investigación liderado polo Instituto de Estudos Galegos “Padre Sarmiento”. O obxectivo era dotarse e poñer ao día a información documental e histórica sobre o Pazo e elaborar as publicacións necesarias que avalasen, enriqueceran e completasen a posta en valor destas instalacións, así como a importancia da súa recuperación, e dispoñer nel o Centro de Interpretación mencionado, contando cunha subvención dentro do Plan Galego de Investigación.

COLABORACIÓN DESINTERESADA E ALTRUISTA
Tamén foi neste momento –aclara o exalcalde- cando conscientes da necesidade de incorporar ao equipo de investigación a persoal técnico especializado, no tocante aos aspectos das obras, se contacta con Maite Vidal, arquitecta laurentina que se atopaba realizando un Máster en Rehabilitación, Mantemento e Recuperación de Edificios na Universidade Alfonso X de Madrid.

Martínez-Sierra quere deixar claro que son exclusivamente condicionantes técnicos e profesionais, e non a súa familiaridade cun concelleiro da corporación, os que motivan esta colaboración que ademais efectúa de xeito exemplar, sen que se perciba por parte da arquitecta ningún tipo de contraprestación económica. O seu grado de implicación foi tal que esta profesional acaba incorporando a idea da “rehabilitación do Pazo de Tovar” ao seu proxecto fin de Máster.

Martínez-Sierra lamenta que este feito sexa aproveitado polas forzas da oposición para atacar ao seu compañeiro de corporación e para desvirtuar unha colaboración altruísta e dar pé á difamación intentando presentalo como un conflito de interese cando, ao contrario, esta axuda foi imprescindible para a mellora do proxecto sen menoscabo económico algún para o Concello.

MUSEO E CENTRO DE INTERPRETACIÓN
Martínez-Sierra explicou tamén, os pasos dados ata lograr presentar un Anteproxecto, as subvencións convocadas por AGADER para proxectos dinamizadores nas areas rurais, promovidos por concellos, grazas a colaboración desinteresada do equipo de investigación do “Padre Sarmiento”, do que formaba parte Maíte Vidal, sen ningún coste para o Concello.

Rematando as suas xestions, unha vez concedida a subvención de aprox. 98.000 Euros, motivado polo seu relevo ao fronte da Alcaldia, por Dª. Emma Alvarez Chao, ao presentarse as eleccions de diputados do Parlamento de Galicia.

Concluíndo a sua explicación deixando claro a limpeza dos pasos dados baixo o seu mandato e que non supuxeron nin un Euro de gasto para o Concello.

Terminou o acto dando as grazas, pola sua colaboración inestimable, ao Instituto Padre Sarmiento, Maíte Vidal e a Jose Ventoso ,propietario do Pazo de Tovar.

Exit mobile version