Site icon Crónica3.com A Mariña

Mondoñedo acolle a primeira mostra de carteis de Xosé Vizoso

carteis-vizosoMondoñedo (Lugo), 17 de setembro de 2014. A comisión das Feiras e Festas das San Lucas de Mondoñedo, as máis antigas de Galicia xa que se celebran dende o ano 1156, decidiu xa hai algún tempo “preparar unha homenaxe a Vizoso, e que mellor recoñecemento que realizar unha mostra da súa obra”, explica Miguel Souto presidente da Comisión das Feiras e Festas.

Souto asegura que “que a cidade de Mondoñedo e os mindonienses estamos en débeda con el”. Por ese motivo, o Centro Comarcal de Mondoñedo acolle a partir do 20 de setembro a primeira mostra de carteis de Xosé Vizoso.

O Presidente da Comisión de Festas explica que é “unha colección de carteis que contribuen a facer máis grande a Mondoñedo e As Feiras e Festas das San Lucas, a través dunha linguaxe propia e recoñecíble que as identifica”.

Xosé Vizoso confesa que xa lle ofreceron en diversas ocasións realizar unha exposición coa súa obra “pero eu sempre me neguei -asegura- eu quería que fose en Mondoñedo”. Cando se lle pregunta que sinte ó recibir esta pequena homenaxe non é capaz de conter a emoción “é algo fabuloso, e máis en Mondoñedo”. Ademais, insiste en que “para min As San Lucas son a miña vida, crieime ao carón da Fonte Vella, a rúa por onde subían os cabalos do monte para venderse na feira. Aquelas lembranzas da miña infancia seguen presentes na miña vida e na miña obra. Foron momentos máxicos que non esquecerei nunca”, relata Vizoso. “Aínda me vexo alí como un paspán- lembra – xunto cos meus irmáns, mirando para os cabalos”, evoca.

Centro Comarcal de Mondoñedo, dende o día 20 de setembro
O centro comarcal de Mondoñedo, acollerá a partir do día 20 de setembro e ata o día 30 de outubro, esta exposición na que se poderán contemplar 56 carteis seleccionados dende os anos 70 ata o último cartel das San Lucas de 2014. A protagonista desta exposición son as Feiras das San Lucas, pero nela poden contemplarse carteis da queimada de Cervo, as festas de Santa Minia, de Buño, de Ponteceso, de Congresos Internacionais, etc..

Catálogo e biografía
Ademais da exposición hai un pequeno catálogo de 12 páxinas cun resumo da súa obra. Así mesmo, conta cunha pequena biografía realizada por Neira Vilas para esta publicación.

Xosé Vizoso (Mondoñedo,1950). No Bacharelato tivo de profesor ó escultor valenciano Juan Puchades, que estimulou nel a vocación polas artes plásticas. Pasou en 1968 a Sargadelos, onde contou co maxisterio de Díaz Pardo. Creou decenas de pezas de cerámica, deseñou centos de libros e ilustrou moitos deles; é autor dun centenar de carteis de festas, congresos, etc. Escenógrafo. Pintou grandes murais, e deseñou e montou diversas exposicións. Unha mostra da súa arte e da súa tenrura cos cativos pode verse nas ilustracións do libro CANTOS DE SOL A SOL e outros de Xosé Neira Vilas.

Exit mobile version