Site icon Crónica3.com A Mariña

NN.XX. reforzará o seu apoio aos sectores produtivos da provincia

Lugo 16 de setembro de 2014.- Novas Xeracións da provincia de Lugo reforzará no novo curso político o seu apoio aos principais sectores produtivos da provincia a través de actos que permitirán o contacto entre os traballadores e a administración, así como a análise da agricultura, da gandería, da pesca, do turismo ou da industria como fonte de emprego para os mozos.

Así o puxo de manifesto este martes o presidente da formación, Daniel Vega, quen avanzou o programa da agrupación para “un ano no que Novas Xeracións segue a xogar un papel fundamental e indiscutible ao ser o enlace entre a xuventude e a clase política” .

“A liña a seguir é a da continuidade, a do contacto coa realidade dos mozos para trasladarlla ao goberno, a da implicación cos sectores xeradores do emprego, a do respaldo aos que nolo piden e o necesitan…”, matizou Vega, e para iso “necesitamos seguir crecendo e constituíndo xuntas locais ao longo da provincia”.

Actos cos sectores produtivos
Entre o programa de Novas Xeracións previsto para este ano figuran encontros cos representantes do sector empresarial do aceite, do viño e do mel en Quiroga; cos do sector cárnico e lácteo en Bóveda e Outeiro, respectivamente; cos da pesca en Ribadeo e cos do turismo en Mondoñedo.

Estes actos celebraranse en base a unha estrutura que permitirá analizar o potencial deste sector na zona, as necesidades de mellora e as propostas de avance. “Foros entre representantes da administración e gandeiros, agricultores, pescadores… que permitirán extraer liñas de traballo”, analizou o presidente dos populares “sempre tendo os mozos como centro do debate”.

Tamén se realizarán actos que versarán en torno a temáticas tan identificativas da xuventude “como son a educación e o emprego”, explicou Vega, que “previsiblemente se celebrarán en Monforte e Lugo, respectivamente”.

NN.XX. estará cos que máis o necesitan
Ao igual que nos últimos anos, Novas Xeracións da Provincia de Lugo tamén celebrará en decembro, neste ocasión en Sarria, a cea benéfica na que se recadarán fondos para os máis necesitados durante os meses de Nadal.

Do mesmo xeito, os mozos da formación político xuvenil tamén visitarán a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade ‘Cogami’.

Máxima coordinación
De igual maneira, o contacto con outras formacións de fóra da provincia e da comunidade “sempre foi un dos obxectivos de Novas Xeracións de Lugo”, dixo Vega. “Mantivemos encontros cos compañeiros asturianos e este ano prevemos facer un acto conxunto entre as locais de Lugo e a de Ávila, ao tratarse das dúas cidades amuralladas”.

Proceso constitutivo
Ao longo do próximo curso político Novas Xeracións da provincia de Lugo celebrará congresos en diferentes concellos, para constituír ou renovar as xuntas locais.

Así, Vega explicou que “celebraremos estes procesos en Lugo e Palas de Rei e na Mariña en Viveiro, Ribadeo, A Pontenova, Lourenzá e Foz”.

Exit mobile version