Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG acusa a Feijóo de “xogar coas mariñás e mariñáns con promesas electorais sobre temas fundamentais para a comarca”

A Mariña, 12 de setembro de 2014. O Bloque Nacionalista Galego na Mariña valorou a visita e as declaracións do presidente do Partido Popular de Galiza como “unha mostra máis do pouco respecto que ten o Partido Popular por unha comarca como a Mariña e polas persoas que vivimos nela, que levamos anos asistindo a promesas incumpridas feitas en datas previas a eleccións.”

“O Partido Popular comezou a campaña para as municipais e non ten escrúpulos en utilizar demagoxicamente temas tan importantes para a comarca como o Hospital da Costa ou o corredor San Cibrao-Ferrol, que sofre un atraso de anos pola falla de compromiso do PP na Xunta”, declaran desde o BNG.

“Licitar un plan director, que non implica o inicio das obras, para o Hospital da Costa; poñer as máquinas en Xove como xa fixeron nos días previos ás eleccións galegas; anunciar medidas para as Catedrais sen ter nada en firme, etc. son anuncios baleiros de contidos mentres non se efectivicen. Levamos asistindo a este tipo de anuncios durante os últimos 6 anos sen que vexamos ningún avance neles. A xente xa non acredita nun Partido Popular que mente compulsivamente nun intento desesperado de lavar a súa imaxe”, aseguran os nacionalistas.

A responsábel comarcal, Ana Ermida, sinalou que “as mariñás e mariñaos non esquecemos aquel compromiso que adquiriu Feijoo e o Partido Popular coa Mariña nun momento no que o peche de empresas e a destrución de emprego era diaria na nosa comarca, xogando coas persoas, e prometendo un plan de acompañamento ás persoas desempregadas que nunca chegou.”

“Nestes momentos segue habendo destrución de emprego e as persoas despedidas de empresas emblemáticas na nosa comarca seguen sen outra alternativa que marchar buscar a vida fóra, como demostran as cifras de emigración que soporta a Mariña”, aseguran desde o BNG.

Neste sentido, a formación nacionalista exixe do Partido Popular “seriedade” e “que deixe de xogar coa xente. En política non todo vale e as promesas electorais e os compromisos que desaparecen e aparecen en función das citas coas urnas xa non teñen credibilidade na Mariña.”

Os nacionalistas defenderán no debate dos vindeiros orzamentos da Xunta que “os compromisos que se acaden vaian acompañados de partida orzamentaria suficiente, porque do contrario”, aseguran, “volveríamos asistir ao descaro dun Partido Popular que só se lembra da Mariña para vir pescar votos, como se dun caladoiro se tratara.”

Exit mobile version