Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG convoca a profesorado e ANPAS da comarca para analizar o problemático inicio de curso na Mariña

A Mariña, 29 de setembro de 2014. O BNG da Mariña convoca a ANPAS e profesorado da comarca a un encontro para analizar o polémico inicio de curso escolar na comarca ao que asistirá unha delegación da executiva comarca da organización na Mariña e o deputado responsábel de ensino no Parlamento Galego Cosme Pombo. O encontro terá lugar o mércores 1 de outubro ás sete da tarde no Hotel Nordés de Burela e están convidadas a asistir todas as persoas e colectivos interesados.

Para a responsábel comarcal nacionalista, Ana Ermida, “por moito que se empeñen os responsábeis da Consellaría, este curso non empeza con normalidade na comarca cando vemos como se producen mobilizacións, dimisións de equipas directivas ou plantóns das ANPAS que se negan a enviar a nenas e nenos aos centros pola falta de profesorado”.

“As solucións que ofrece a Consellaría de Educación, ou non existen, ou supoñen estender os problemas a outros centros, cando non o uso de coaccións para tentar acalar os problemas”, afirmou a responsábel nacionalista.

Para a formación nacionalista, “os conflitos que saíron á luz neste curso, non son novos senón froito dunha acumulación de recortes nos cadros de persoal dos centros que xa veñen de cursos pasados e que lonxe de solucionarse van en aumento provocando a degradación da calidade educativa no ensino público que ao tempo ve como, desde a consellaría se seguen derivando fondos públicos ao ensino privado”.

O BNG reclaman á consellaría solucións reais á falta de profesorado e non parches que o único que fan é estender o problema. “Estamos diante de decisións políticas que requiren solucións políticas polo que se poñen a disposición de ANPAS e centros de ensino para trasladar aos foros onde sexa preciso todas as súas demandas”, rematou Ermida.

Exit mobile version