Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG da Mariña acusa ao Partido Popular de “comezar a carreira electoral utilizando demagoxicamente a sanidade pública e o Hospital da Costa”

A Mariña, 12 de setembro de 2014. O Bloque Nacionalista Galego na Mariña considera que o anuncio feito por Feijoo en relación co Hospital da Costa é “unha nova burla para as veciñas e os veciños da comarca que asisten novamente a un anuncio baleiro de contido e sen prazos nen orzamento para a execución real do hospital.” O que se está a anunciar é a adxudicación do plan director, que será encargado a unha empresa para a súa elaboración; pero esto non significa a ampliación real do centro hospitalario, que xa conta con numerosos plans directores que nunca foron executados.

A responsábel comarcal nacionalista afirmou que “levamos nos últimos anos cerca dunha ducia de anuncios en relación co Hospital da Costa sen que houbera nen un só avance real nos servizos que se prestan.” “Agora, a oito meses escasos das municipais, o Partido Popular volve a xogar co tema que máis lle importa á xente inaugurando aparcamentos cedidos pola veciñanza no canto do aparcadoiro público prometido e anunciando adxudicacións de plans que xa levan anos anunciando. É o xeito máis despreciable de utilizar a sanidade pública nunha carreira cara as urnas que o PP sabe que ten perdida”, continúan desde o BNG.

“Estamos agardando as veciñas e veciños da Mariña que se poña en marcha o hospital oncolóxico e todos os servizos que xa teñen prometido en numerosas ocasións sen que cheguen a executarse.”

Para a formación nacionalista “o compromiso real coa sanidade pública e co Hospital da Costa demostrarase cando os orzamentos reflictan unha partida para facer as obras e ampliar o Hospital, mentras, todos os anuncios que se están facendo son cortinas de fume para lavar a cara. Eso será o que demanden desde o BNG nos vindeiros orzamentos da Xunta para o ano 2015”, conclúen.

Exit mobile version