Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Burela cualifica de “eleitoralista e populista” a baixada de impostos prevista para 2015 polo Goberno do PP

O equipo de goberno do PP en Burela ven de anunciar recentemente unha baixada de impostos e prezos públicos para 2015, coincidindo co cuarto e último ano de lexislatura do PP ao frente do Concello de Burela e polo tanto, coincidindo tamén coa celebración das vindeiras eleccións municipais.

Para o BNG, este anuncio ten unha finalidade unicamente eleitoralista, pois non se pode xustificar esta baixada de prezos e impostos tras 3 anos de subas continuadas das taxas e da aprobación doutras novas, como o imposto de plusvalías, a taxa pola celebración de vodas civís, a taxa por medición de ruídos ou a taxa polo uso de instalacións deportivas e locais municipais.

Segundo apuntou o portavoz municipal do BNG, Mario Pillado, “os veciños e veciñas de Burela veñen soportando unha suba continuada de impostos desde que o PP accedeu ao Goberno Municipal en 2011, ao que temos que engadir a enorme carga fiscal á que nos someten a Xunta de Galiza e o Goberno do Estado a través de impostos abusivos coas persoas máis desfavorecidas, e todo isto nun momento de emerxencia social”.

Para Pillado, “resulta inadmisíbel que González Barcia fale agora de baixar impostos cando hai só 3 meses que rexeitou un aforro de 40.000 € para as arcas municipais na modificación das condicións do préstamo para o pagamento a provedores aprobada en solitario polo PP”.

A baixada anunciada polo PP non ten credibilidade algunha despois de 3 anos de subas continuadas
Tras a chegada do PP á fronte do Concello en 2011, aplicouse unha suba nos impostos e prezos públicos a partir de 2012, para cumplir coas exixencias que establecía o plan de axuste aos concellos. Mentres o anterior goberno municipal conxelara as taxas en 2010 e 2011 (só se incrementou o imposto da auga en 2011 a porcentaxe correspondete ao IPC tras varios anos sen subas), o actual Goberno do PP optou por subir as taxas municipais durante os tres últimos anos e crear novas taxas.

En 2012, o PP subiu case todas as taxas, sendo significativa a suba da auga de case un 200%. Neste mesmo ano o PP aproba novas ordenanzas fiscais, polo uso de instalacións deportivas (Campo da Marosa: 20 €/hora, pistas de tenis/pádel: 3 €/hora e pavillóns: 20 €/hora) e pola celebración de vodas civís (100 €). Modifícase a ordenanza fiscal que regula o uso de locais municipais, establecendo unha nova taxa pola utilización destas instalacións (10 €/día para asociacións e entidades sen ánimo de lucro e 50 € para entidades con fins lucrativos) e tamén se elimina a exención do importe da matrícula na Escola de Música, da que se beneficiaban os membros da Banda de Burela.

En 2013 increméntanse de novo practicamente todas as taxas a cantidade correspondente ao IPC e mesmo algo máis nalgúns casos. Tamén se aproban novas taxas e impostos, como a taxa por medición de ruídos (200 €) e o imposto de plusvalías que grava a compra-venda de terreos ou pisos de natureza urbana.

En 2014 volven subir as taxas a cantidade correspondente ao IPC, sendo maior no caso do imposto do lixo, ao repercutir o Concello nos veciños e veciñas a suba do canon de SOGAMA. Neste mesmo ano, o PP volveu modificar a ordenza que fixa os prezos para cursar estudos na Escola de Música, eliminando a deducción do 25% para persoas empadroadas, eliminando execcións e deduccións para as rendas máis baixas e familias numerosas e reducindo a posibilidade de fraccionar o pagamento de 4 a 3 meses.

Pillado engadiu que “despois destes 3 anos de subas reiteradas e de novas taxas e impostos, queda claro que a baixada proposta polo Goberno do PP é unha medida claramente propagandística e que non vai mudar substancialmente o afán recadatorio do PP para cumplir co plan de axuste á custa dos veciños e veciñas. Pillado concluíu coa certeza de que “a estas alturas da lexislatura, o Sr. González Barcia non vai ser quen de enganar a ninguén coa súa política propagandística e que os veciños e veciñas de Burela xa tiveron tempo dabondo para coñecer de primeira man e sofrer as políticas do PP durante o tempo suficiente como para pensar que todo vai mudar a só uns meses das eleccións municipais”.

Mario Pillado

Exit mobile version